21.08.17.- O Concello de Vilamartín ten en marcha os primeiros tres expedientes de execución de limpeza de fincas ante o risco de problemas de salubridade e incendio preto de edificacións urbanas. Despois da colocación de bandos, envío de comunicados e notificacións individualizadas a varios veciños, inician este proceso sancionador.
Os expedientes ábrense tal e como se indica no escrito oficial final por “incumprimento das súas obrigas de manter as construcións e terreos nas axeitadas condicións de hixiene e seguridade, salubridade e ornato público; e a masa vexetal nas condicións precisas que eviten as erosións e incendios”. Este proceso conta coa elaboración dun informe técnico no que se fai constar que a vexetación está descontrolada e que poden ser causa de incendio. Agora unha vez notificado a apertura do expediente o sancionado ten 15 días para proceder a limpeza do terreo. Pasado ese tempo se non se cumpre o expedientado poderá ser sancionado con multas de 1.000 a 10.000 euros e o Concello procederá a limpeza do terreo polos medios que marca a lei. As tres persoas expedientadas teñen dez días para consultar o expediente e realizar as súas alegacións. Nos próximos días está previsto que se abran máis expedientes despois de completar os procesos necesarios.