O Concello lembra que os danos ocasionados por árbores caídas na vía pública de fincas privadas son responsabilidade dos seus donos

10.01.18.- O Concello lembra a normativa pola que os propietarios son responsables dos danos que poidan ocasionar as árbores que se rompan ou caian e causen danos na vía pública. Esta semana deuse ese caso na Praza Cerdeirais onde dous coches resultaron danados pola caída de árbores. Neste caso o propietario da finca terá que facerse cargo dos danos ocasionados. O grupo de goberno colocou o ano pasado varios carteis polas beirarrúas explicando esta normativa para que puidera chegar ao maior número de persoas. Agora barallan a idea de continuar con esta campaña informativa xa que o organismo municipal non pode acometer o corte de árbores en fincas privadas sempre que existan donos das mesmas. O rexedor, Rique Barreiro, lembra que este é un problema no rural cun perigo importante e que solo se é consciente cando pasan problemas como o de esta semana na vila.
 A ordenanza municipal de limpeza de terreos e soares e de protección contra os incendios forestais recolle todas as especificacións a cumprir e as sancións que se poden dar no caso de incumprilas.
   
A continuación expoñemos algúns dos apartados desta Ordenanza Municipal:
 
ORDENANZA MUNICIPAL DE LIMPEZA DE TERREOS E SOARES E DE PROTECCIÓN CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS
 
Por medio da presente Ordenanza, o Concello de Vilamartín de Valdeorras pretende regular, no ámbito das súas competencias, as actividades e comportamentos relativos ao medio ambiente, co obxecto de acadar as axeitadas condicións de limpeza e xestión da biomasa vexetal nos terreos e soares para evita-lo risco de incendio, e así mesmo, conseguir unhas condicións de salubridade, seguridade acordes co ornato público.
A presente Ordenanza dítase ao abeiro das facultades concedidas pola lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración Local de Galicia e en relación co preceptuado no Plan Xeral de Ordenación Municipal, na lei 2/2016, de 10 de Febreiro, do solo de Galicia e na leis 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
(...)
Artigo 7º. Terreos e soares situados no entorno de solo urbano, edificable e de núcleo rural.
1. As persoas propietarias ou titulares de dereitos en solo clasificado como rústico, xa sexa de protección ordinaria ou especial protección deberán mantelos rozados e limpos nunha franxa de 100 metros perimetral ao límite de solo urbano, de núcleo rural e edificable, así como ao redor de edificacións, vivendas ailladas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros de solo rústico de especial protección forestal.
2. As distancias no caso de edificacións, vivendas ailladas ou urbanizacións mediranse dende o paramento das mesmas. No caso de depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, mediranse dende o límite das instalacións.
3. Ademais nos primeiros 30 metros dende o límite da propiedade, non poderá haber especies das sinaladas no anexo I desta ordenanza, agás que se trate de árbores singulares ou que cumpran funcións ornamentais.
4. No caso de campings, gasolineiras e industrias nas que se desenvolvan actividades perigosas con arranxo ao establecido na Lei 1/1995, de 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, as distancias para as especies sinaladas no anexo I será de 50 metros, dende o límite das instalacións.
(...)
Artigo 22º. Cantidade das sancións.
Sen prexuízo de esixir as responsabilidades penais ou civís, cando proceda, a contía das sancións que se impoñerán polo seu incumprimento da presenta Ordenanza serán:
1. Infraccións leves: multa …………………………………………………. dende 60 ata 750 euros
2. Infracción graves: multa ……………………………………………….. dende 751 ata 1.500 euros
3. Infraccións moi graves: multa ……………………………………….. dende 1.501 ata 3.000 euros
 
 
Sin definir
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.