28-10.19.- O programa de actividades do Concello do Barco para homenaxear os cincuenta anos do grupo de arqueólogos afeccionados coñecidos como os “ Os Escarvadores”, tivo o pasado sábado unha visita ao Castro de Valencia do Sil no noso concello. A actividade contou cuns 50 participantes que ascenderon ata o xacemento e puideron coñecer de primeira man a historia deste descubrimento e do traballo que está a facer agora o grupo especializado Sputnik Labrego. A excursión contou ademais cun dos escarvadores orixinais, Ángel Fernández, que ascendeu ata o lugar onde hai moitos anos descubriron uns dos restos romanos máis importantes da comarca valdeorresa.
Empezaron a andaina ás dez da mañá dende o pobo de Valencia do Sil e o ascenso duro por unha corredoira tivo os seus momentos de descanso. Paradas nas que se toparon con compoñentes do grupo Sputnik que está a buscar novas evidencias de si este espazo foi usado en séculos posteriores ao paso dos romanos pola comarca. O ascenso foi dando grandes vistas das paisaxes que se ven dende esta zona, o encoro de Santiago en Vilamartín e o de San Martiño rodeado pola poboación de A Rúa. Unha vez arriba houbo explicacións sobre a historia dos escarvadores por parte do responsable cultural na vila barquense, Gustavo Docampo. A continuación foi o momento de escoitar ao arqueólogo Santi Ferrer falando do xacemento e da posibilidade que sexa unha ou dúas “domus romanas” xa que as habitacións están unidas polos muros traseiros. Foi dando datos do achado na zona e do que queda por facer. A excursión rematou cas explicacións dos arqueólogos do grupo Sputnik Labrego que ese mesmo día empezaban os seus traballos nesta zona para tentar descubrir máis da súa historia e usos. Un dos temas que máis chamou a atención é os buratos que os expoliadores teñen feito no xacemento para levar as moedas e outros obxectos metálicos. Unha actividade que está penada por lei e que destrúe a posibilidade de coñecer máis do pasado da comarca.
Nesta montaxe de fotos poden ver o ascenso ao castro (montaxe 1) e as explicacións recibidas unha vez alí (montaxe 2 e 3).
PREMENDO SOBRE AS MONTAXES PODENSE AMPLIAR
MONTAXE 1 MONTAXE 2 MONTAXE 3