16.10.20.- En dous días temos casi triplicado o número de casos de enfermos pola Covid-19 no noso concello. O martes informabamos de 5 casos repartidos en dúas unidades familiares e hoxe temos que falar de 14 casos en tres unidades familiares. É dicir, nunha das familias aumentou a cantidade de persoas infectadas e ademais apareceu unha nova unidade familiar de 5 persoas enferma. Todos eles están xa confinados e con control médico.
14.10.20.- Hoxe recibimos información de Sanidade na que se nos indicaba que temos dúas unidades familiares positivas pola COVID19 no noso concello. As cinco persoas afectadas destas dúas familias xa están seguindo as medidas de confinamento indicadas. Pola nosa parte xa activamos o protocolo pertinente e lembramos que si as familias afectadas necesitan axuda poden poñerse en contacto co concello ou con Protección Civil. Así mesmo xa solicitamos a axuda dos membros de protección civil, que nas próximas horas procederán á desinfección de rúas.
08.10.20.- Na sesión plenaria do mes de setembro, un dos puntos da orde do día, foi a adxudicación de nomes a viais que non tiñan ata agora nomenclatura e tamén se propuxeron cambios para outras. As zonas nas que se fixeron as modificacións foron no núcleo urbano de Vilamartín, no pobo de Córgomo e tamén no de Valdegodos. Entre as novas denominacións está a homenaxe a un alcalde da vila fusilado no ano 1936: Augusto Sierra Rodríguez. Esta nova rúa estará na localidade de Valdegodos, un tramo da estrada que conecta esta localidade con Córgomo.
A chegada das choivas de outono fan pensar de novo nun problema que xera gastos ás arcas municipais e degrada os terreos de viñedos, xerado polo cambio no xeito de traballar as fincas. Coas choivas a terra destas fincas é arrastrada e invade as estradas e camiños públicos tendo que proceder a súa limpeza para evitar accidentes e atascos nas beirarrúas.
12.06.20.- O concello de Vilamartín convoca dúas prazas para contratar traballadores. Unha será para un albanel e outra para un peón forestal. Os contratos serán de 6 meses por obra.
O prazo para presentar as solicitudes no rexistro do Concello estará aberto ata o día 19 de xuño.
05.06.20- As instalacións deportivas non son espazos para que as usen os animais de compañía, polo que dende o Concello apelan á responsabilidade cidadá para que non se acceda ao campo de fútbol con cans. Este espazo está habilitado para o seu uso deportivo o que non é compatible coa presenza de animais domésticos, os destrozos que poden ocasionar e os seus excrementos . En todo o municipio existen numerosos espazos onde os animais poden estar libres sen necesidade de que estean nos parques ou espazos de actividade deportiva .
O Concello de Vilamartín terá un horario diferente nesta fase de desescalada da enfermidade do Coronavirus. Ao ser un concello de menos de 5.000 habitantes non terá que facer horarios partidos para que poidan sair a pasear e facer deporte os diferentes grupos de poboación.
13.03.20.- Onte o Concello de Vilamartín decretou a suspensión das actividades grupais en locais municipais para axudar a frear a expansión da enfermidade do coronavirus. As medidas excepcionais que se están levando a cabo nestes días en toda Galicia e no resto de España levan a facer unha chamada á responsabilidade e a calma. Dende esta mañá temos un bando no que se explican as dúas medidas que se adoptan neste concello. Por un lado limitase a atención presencial na propia casa do concello e por outro suspéndense todas as actividades en grupo en locais municipais.
02.11.18.- A actividade de fútbol sala que imparte o concello de xeito gratuíto para os nenos comezou no mes de outubro cunha pequena axuda de Deputación. Dende a Concellería de Deportes informan da concesión dunha axuda económica por valor de 646.22 euros para sufragar unha pequena parte desta actividade para todo o ano. Dita contía, explican que é a única que en Deportes se recibe dende a Deputación de Ourense de xeito anual.
14.09.18.- Obras en dous pobos do concello, San Vicente e Córgomo, así como o arranxo dun vial de comunicación foron os destinatarios dos fondos do remanente de tesoureira. Uns fondos propios que tamén deron para os arranxos das instalacións da piscina, como xa se relatou noutra información desta web municipal. Na Praza do Fondo do Enxortedo e no muro de contención da igrexa en San Vicente investíronse 15.500 euros.