25N: traballar pola educación e a concienciación da cidadanía

25.11.20.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) fai público un comunicado para o 25 de Novembro que compartimos a continuación. Lembrade que hoxe non haberá concentración ás 12 horas diante do concello pola Pandemia da Covi-19. Pedimos que se garde un minuto de silencio nas casas.

#concellosgalegos #polobotrato

Os concellos galegos manifestamos o noso rexeitamento ante todo tipo violencia, e de
xeito específico, o noso compromiso coa erradicación da violencia exercida contra as
mulleres; drama que coñecemos ben a través dos 82 CIMs que compoñen a rede municipal
de atención á muller na nosa comunidade autónoma. Un estudo da Federación Galega de
Municipios e Provincias vén de amosar que o ano pasado 16.000 galegas solicitaron
atención nos nosos centros. ¿Cantas máis non chegan ás nosas portas e seguen a sufrir
maltrato?
Precisamos reforzar os plans de prevención e de resposta, dotalos axeitadamente de
fondos, recursos humanos e materiais, e sobre todo, que as vítimas sintan que os nosos
servizos de asistencia e protección están aí para elas e poidan reunir as forzas para pedir
axuda. Estas necesidades sempre deben ser prioritarias, pero que neste intre son unha
emerxencia maior:
A COVID19 fai que corran tempos duros de estrés económico e psicolóxico. Cada unha
destas tensións é de por si un perigoso detonante de condutas irracionais como o
machismo e o maltrato, e a combinación das mesmas multiplica a ameaza. Por se isto fora
pouco, as restricións para combater esta crise sanitaria son para moitas vítimas do
maltrato un pesadelo peor que o propio coronavirus, xa que ditas medidas obrigan a
reducir ao máximo as relacións sociais e a permanecer no círculo familiar máis estreito, é
dicir, a ficar máis illadas co seu maltratador. Cómpre, dende as nosas competencias e
responsabilidade, pór todos os medios para evitalo.
As políticas de prevención, vixilancia e auxilio ante o maltrato son a primeira liña de batalla.
Pero non se pode perder de vista que o obxectivo final é erradicar o xerme: a mentalidade
que fai distincións entre homes e a mulleres en lugar de considerar a todos por igual como
o que son: persoas. Esta discriminación –xerada, mantida e defendida por unha tradición
de machismo dominante-, é o grillete que impide á muller ocupar na sociedade o espazo
que lle corresponde por dereito propio. Os teitos de cristal e a discriminación laboral e
salarial son difíciles de probar, pero existen. Por ese machismo, a muller segue a quedar
enmudecida fóra de órganos de decisión, cando o que a sociedade necesita é darlle voz e
enriquecerse coas súas aportacións. Como a brillante Concepción Areal sinalara hai case
dous séculos, “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas
facultades á metade do xénero humano”. Pero ademais de minar o dereito a un traballo
digno ou unha carreira profesional, as trabas laborais comprometen a independencia de
moitas mulleres, abocándoas unha vez máis a elas e aos seus fillos e fillas, a calellas sen
saída co seu maltratador.
O maltrato é froito dun comportamento, e a mellor ferramenta para prevelo é a
concienciación; que os propios homes non só non conciban a violencia senón que teñan a
vontade de combatela. A promoción da igualdade real entre mulleres e homes é un reto
que debe asumir a sociedade en xeral pero, por ser os máis próximos ás persoas, os
gobernos locais temos un papel decisivo. É fundamental traballar na educación e a
concienciación da cidadanía, aplicando a perspectiva de xénero en todas as nosas políticas
e accións. Por iso, dende o municipalismo, facemos un chamamento a todas as institucións
locais, para que no seu día a día aproveiten a oportunidade que teñen de traballar
#PoloBoTrato e sigan o decálogo de boas prácticas elaborado pola nosa Federación e o
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Daquela, avancemos nesa busca da igualdade real entre homes e mulleres #PoloBoTrato comprometámonos a:

1. Empregar linguaxe libre de connotacións sexistas.
2. Integrar a perspectiva de xénero nas nosas decisións.
3. Difundir unha imaxe non sexista da muller.
4. Traballar na prevención da violencia machista e promoción dos valores de igualdade e
respecto entre toda a poboación, especialmente a máis nova.
5. Fomentar a ética e a co responsabilidade nas tarefas e o coidado tanto de menores
como de persoas dependentes.
6. Identificar e emendar as posibles deficiencias que atopemos a nivel municipal na loita
contra a violencia cara ás mulleres.
7. Respectar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e a igualdade de
oportunidades no cadro de persoal.
8. Promover unha representación equilibrada de mulleres e homes en todos os ámbitos
de actuación municipal.
9. Rexeitar a contratación de actividades nas que se ofrezan unha imaxe sexista da
muller.
10. Prestar especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade.

Galego
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.