O Camiño de Inverno por Isidro García Tato

Esta semana estamos a piques de celebrar o San Xurxo na nosa vila. Isidro García Tato tivo a ben escribir unha gran información sobre o Camiño de Inverno para o programa de festas e queremos facelo público na nosa web porque no programa non puido entrar por causas alleas á comisión de festas.

 

O CAMIÑO XACOBEO DE INVERNO 

Dr. Isidro García Tato

Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”

Santiago de Compostela

Unha das cuestións históricas, relativas á nosa terra de Valdeorras, debatida desde hai máis de 25 anos, é a do camiño de peregrinación a Santiago de Compostela polo val do Sil, denominado Camiño de Inverno, xunto aos xa recoñecidos e oficiais do Camiño Francés, Camiño Primitivo, Camiño Inglés, Camiño da Costa, Camiño Portugués ou o que entra pola Gudiña, impropiamente denominado Camiño da Prata ou Camiño Mozárabe. ¿Houbo ao longo da historia tránsito de peregrinos xacobeos polo val do Sil? E se os houbo, ¿por onde transcorría a ruta? Hai que ter en conta que non se trata de deseñar ou crear un trazado do camiño conforme aos gustos turísticos e intereses político-económicos de colectivos ou institucións actuais, senón de descubrir por onde discorría a ruta, á luz dos documentos históricos. É dicir, o fenómeno da peregrinación xacobea é un fenómeno esencialmente histórico e é desde a historia desde onde se deben definir os seus elementos constitutivos, entre os que se conta o trazado da ruta. A filosofía xacobea non é senderista, no sentido de marcar a “ruta do colesterol” ou “a ruta da tensión”. Nin sequera só turística. Nunha palabra, non se trata de crear unha nova ruta, conforme a gustos, simpatías, chauvinismos ou localismos, gustos turísticos e dietético-sanitarios ou intereses políticos e persoais, senón de descubrir a que durante séculos seguiron os nosos antepasados. E desde o punto de vista histórico, a teor do que se acaba de dicir, está máis que fundamentado, xustificado e definido o trazado desta ruta.

Está fora de dúbidas que o vale do Sil, por mor da súa orografía e climatoloxía, foi desde moi antigo e ao longo da historia unha ruta de tránsito: conquista romana do Noroeste peninsular, Via XVIII ou Nova, Vereda ou Camiño Real, ferrocarril, estrada N-120, ¿AVE?, ¿A-76?... Partindo do primeiro acceso construido por maus humanas, unha observación imparcial e detallada das fontes históricas pon en evidencia unha realidade: a romana Vía XVIII ou Via Nova posúe un trazado difícil de definir nesta zona, non sabéndose de certo por onde discorría exactamente, se por Oulego e O Marquesado ou polo val do Sil propiamente dito e por As Médulas. Polo que atinxe a meter o trazado do Camiño de Inverno pola Serra da Enciña da Lastra, hay que ter en conta o seguinte:

a) Malia que todos o dan por certo, non está demostrado que a Via Nova fora pola Serra da Enciña da Lastra. Ata a Ponte da Cigarrosa pódese adiviñar o trazado, pero a partir desta ponte ata Bergidum Flavium (Castro Ventosa) non se pode fixar con seguridade. Polos abundantes indicios de actividade antrópica todo apunta a que iba polo vale propio do Sil.

b) Na fixación do trazado dos camiños xacobeos non se sigue necesariamente as antigas vías romanas, senón aquelas que a partir de mediados do século IX (data da inventio do sepulcro do Apóstolo) foron empregadas polos peregrinos que iban a Compostela. O exemplo máis claro é o trazado do Camiño Francés polo Cebreiro, que non sigue a romana Via XIX, cuxo trazado iba máis ao norte.

c) Pola abundacia de documentación, sobre todo a partir do século XVI (data na que se comezou a construcción da monumental Ponte Nova de Sobradelo), todo indica que a ruta do Sil (Ponferrada-Médulas-Puente de Domingo Flórez-Sobradelo-Éntoma-O Barco-Villamartín-A Rúa…) era a que se empregaba en largos recorridos (exército, posta, arrieiros, traxinantes, moinantes, pelegrinos…).

Desde a arqueoloxía e a historia o único que se pode comprobar é a existencia da vía do Sil propiamente dita coas súas pontes ou restos da Cigarrosa e Os Pontois ou Ponte de Maravedís ‑mal chamado A Pontóriga‑ ou coas explotacións auríferas en ambas as marxes deste río: A Raia, Villacristobo, O Aro, Valdevila, A Medua, A Meana, Valdebría, As Medulas… Folga dicir que a famosa ponte de O Regueiral, considerada vulgarmente romana, foi construída a principios do século XIX, conforme á traza e características técnicas do mestre de obra pontevedrés Xuan Antonio de Barro, cun orzamento de 12.500 reais, orzamento que foi aceptado por Real Carta do 12 de novembro de 1818[1]. Este proxecto incluía ademais “hacer un camino de carro en la cuesta llamada de la Encina, dos leguas distante del puente [do Regueiral]”.

Malia que a comezos do século XIX desaparecera tal acceso pola Serra da Enciña da Lastra, é moi probable que durante a Idade Media existira, como o parece indicar a presenza en Rubiá do rei Alfonso IX, quen o 12 de decembro de 1195 firma unha carta de doazón a favor do mosteiro de San Pedro de Montes[2]. E aquí xorde a pregunta: ¿que foi o que levou ao rei Alfonso IX a Rubiá a finais do século XII? ¿Sería unha das paradas da corte itinerante, no seu constante viaxar? A presenza do rei en Rubiá podería indicar que por Rubiá transcorría un camiño que dende a época romana unía O Bierzo con Galicia, pero “unha anduriña soa non fai o verao…”

A teor desta dificultade, tendo en conta a definición exacta da ruta a partir do século XVI, pódese propoñer o trazado seguinte: na ponte sobre o Boeza de Ponferrada déixase esta ponte á dereita e séguese tras a confluencia do Boeza e do Sil faldeando o mítico monte de Pajariel pola marxe esquerda do Sil, polos pobos de Toral de Merayo, Villalibre da Xurisdición, Priaranza, Santalla, por Rioferreiros, por baixo do precipicio por onde ‑segundo a novela de Gil e Carrasco o comendador templario de Cornatel don Gutierre de Saldaña despenou ao conde de Lemos‑ ata Villavieja. Desde aquí continúase por detrás do Castelo de Cornatel, ata Borrenes. Desde Borrenes vaise a Carucedo e polas explotacións mineiras das Medulas ata Valdebría (pouco máis ou menos, onde está hoxe a gasolineira e o restaurante “La Torre” de Puente de Domingo Flórez). Aquí crúzase o río Cabrera pola ponte, que lle da o nome a esta poboación, e séguese a marxe esquerda do Sil: San Xusto (primeiro pobo de Galicia), a ponte sobre o arroio de Rioseco (nomeado na documentación Villarín), utilizado e reforzado pola empresa hispanoálemana Montes de Galicia, s.a. no ano 1938 para construír o acceso ás explotacións de wolfram de Valborrás (Casaio), restos das explotacións auríferas de A Medua e, obviando os restos da antiga ponte romana de Os Pontois ou Maravedís (impropiamente denominada A Pontóriga), crúzase de novo o río Sil pola monumental Pontenova de sete arcos de Sobradelo, rematada polo ano 1675 conforme ao plano do mestre constructor cántabro Xuan Bautista de Velasco.

                                                                     

                                                     Ponte Nova de Sobradelo. Traza de Xuan Bautista de Velasco (05-01-1650)

 

Con todo, como é sabido, o tramo duns seis km entre Puente de Domingo Flórez e A Pontenova de Sobradelo está moi deteriorado debido ás industrias louseiras. Por iso proponse a alternativa da marxe dereita do Sil. É dicir, pártese de Valdebría e crúzase a ponte sobre o Sil ata Quereño. De aquí, séguese toda a marxe dereita do Sil polos pobos de Pumares, Nogueiras (hoxe abandonado) ata Sobradelo. Esta foi a ruta que se seguía antigamente no inverno por ser cara sur e asollada. Así se evitaban os xeos da ruta da marxe esquerda do Sil, orientada cara ao norte, como dí o sabio Padre Martín Sarmiento no seu relato da viaxe a Galicia de 1754-1755:

 “En tiempo de yelos no se puede pasar bien por el Puente Nueva, y así se toma el camino por abaxo, dexando siempe el Sil a la derecha; y se va por los lugares: Nogueyra, Pomares, Quereño, Sobredo.‑ En Quereño ay un barco para cortar el Sil y venir al lugar del Puente de Domingo Flórez”[3].

Unha vez pasada a Pontenova, o trazado segue pola marxe dereita do Sil, cruzando en Éntoma a ponte de cal e canto sobre o Galir (rematada polo ano 1675, según características técnicas do mestre en canteiría Xuan Bautista de Velasco), para seguir polo Barco pola rúa denominada Real, pola ponte sobre o Riocigüeño, chamada entón Ponte de O Barco e hoxe soterrada e desfeita polas edificacións que se construiron na zona, Campo de Calabagueiros ata A Proba. De aquí continúa por Arcos, Ponte da Rodeleira sobre o río Leira en Villamartín, San Miguel de Outeiro e San Esteban da Rúa. Aquí, no denominado Campogrande, o camiño divídese: un ramal segue o trazado da antiga Via Nova ou Via XVIII Astorga-Braga, cruzando de novo o Sil pola Ponte da Cigarrosa, Cóbedos de Larouco, Pontebibei, etc. O outro ramal segue polas Pedreiras, Os Alvaredos, a San Miguel de Montefurado, terra de Quiroga, Lemos e demais cidades e lugares de Galicia:

“Y la otra vereda desde dicho Campogrande sigue por los Albaredos a San Miguel de Montefurado, tierra de Quiroga y a las ciudades de Santiago, Lugo, Coruña, Betanzos y Mondoñedo y a los puertos del Ferrol, la Graña y otros de aquella cordillera, juntándose esta vereda con la que va del Zebrero en la Villa de Puertomarín...”[4]

 

Ponte de O Barco sobre o Riocigüeño (1755)

 Estas son as declaracións das testemuñas en agosto de 1755 no expediente incoado en 1755 para a reparación e modificación do trazado deste camiño desde Puente de Domingo Flórez ata a Ponte da Cigarrosa.

De todo isto podese concluir o seguinte:

a) O trazado da Via XVIII polo Marquesado deriva de que no Itinerario de Antonino, entre Forum Gigurrorum e Bergidum Flavium situabase a mansión de Gemestarium, que os eruditos decimonónicos identificaron etimolóxicamente con Xestoso (Gemestarium > xenista = xesta). Por iso meteron por alí o trazado da vía.

b) A mediados do século XIX inventaron o achádego dun miliario na Enciña da Lastra, cunha descripción e inscripción que enviaron a Real Academia da Historia. O miliario ningún o víu e a descripción e inscripción son claramente falsificacións.

c) A partir da Ponte da Cigarrosa xa non se atopa ningún miliario e resulta imposible un trazado claro da vía. Sin embargo, os restos antigos son máis abundantes polo vale do Sil que polo Marquesado: villa romana de San Salvador da Proba, con calzada embocando cara Calabagueiros, explotacións auríferas de A Raia, Vilacristobo, O Adro, A Medua, A Meana, Valdebría, As Médulas... e os restos da ponte nomeada A Pontóriga.

d) Os partidarios do trazado do Marquesado propuxeron como romanas a Ponte do Regueiral e unha “calzada” na Enciña da Lastra, pero hai documentos que din que ámbalas dúas obras foron feitas no ano 1818.

e) A razón que dan os partidarios do trazado do Marquesado é que por alí a Via non tiña que atravesar o Sil. Sen embargo, os romanos xa coñecían o sistema de ponte de barcas ( v.gr. sobre o Danubio na conquista de Dacia (Rumanía), según a “Columna de Trajano”). Tamén poidera ser que as crecidas do Sil levaran un probable ponte de pedra, p.e. a altura de Villadepalos, onde había un inportante asentamento romano.

f) Hai unha dificultade: en xaneiro de 1195 o rei Alfonso IX atopabase en Rubiá firmando e confirmando privilexos. ¿Que facía o rei e Rubiá? Moi ben se podería deber a que a corte itinerante “plantase os reales” á beira da posible vía que pasaba por Rubiá dende o tempo dos romanos. Sen embargo, “unha única anduriña non fai verao”.

Polo tanto, o trazado da Via XVIII de oeste a leste sería o seguinte: Ponte da Cigarrosa ata A Proba. De A Proba por Calabagueiros e o casco vello de O Barco ata Éntoma. De Éntoma a Ponte da Pontóriga e daquí por A Medua,  San Xusto, Ponte de Domingo Flórez, Valdebría e As Médulas ata unha posible ponte de barcas ou de pedra desparecida sobre o Sil en Villadepalos. Daquí direito ata o castro de Bergidum Flavium ou Castro Ventosa.

Tendo todo isto en conta e a evolución que o trazado tivo ao longo da historia, pódese concluir que o tránsito pola ruta do Sil existíu dende tempo inmemorial, especialmente na época do ano que vai dende o mes de novembro ao mes de abril, para evitar os camiños de Puebla de Sanabria-A Gudiña e o do Cebreiro, “que en los tiempos de hivierno se cubren de nieve y hielos, de tal manera que quedan intrasintables dichas dos Veredas [A Gudiña y Cebreiro]”, como declaran as testemuñas no verao de 1755. En Monforte non seguiría pola Ribeira Sacra, como oficialmente se recoñeceu pola Xunta de Galicia, senón que converxía de novo no Camiño Francés en Portomarín, como din as testemuñas no expediente de reparación deste camiño do Sil a mediados do século XVIII. Isto lévanos a conclusión de que a ruta do Sil é unha variante do Camiño Francés, para evitar os xeos e as neves invernais do Cebreriro, razón esta pola que se nomea con toda propiedade Camiño de Inverno.

O non converxer de novo en Portomarín no Camiño Francés e propoñer o seu trazado por terras de Chantada, Monte do Faro e Lalín, ademais de non ter xustificación histórica (lembremos que “unha soa anduriña non fai verao”), contradice a razón principal deste camiño que é evitar os xeos e neves invernais de O Cebreiro. É sabido que o cumio do Monte Faro, cunha altura de 1181 m, acada case o mesmo índice de nivación que os cumios do Cebreiro. Sobra decir que o voluntarismo político e os intereses privados impuxeronse sobre a realidade histórico-xeográfica e climatolóxica.

Polo que atinxe ao concello de Villamartín, non falto á verdade se afirmo que é un dos concellos, que gracias ao seu goberno municipal, máis está facendo pola promoción deste Camiño Xacobeo de Inverno. O mapa trazado no século XVIII polo inxinierio Feliciano Míguez axudarálle aos reponsables municipais a escoller a mellor variante entre as propostas por este inxinieiro.

Dende Compostela, meta de tódolos camiños xacobeos, deséxovos a todos unhas boas festas de San Xurxo 2018!

 

   

Mapa das variantes do Camiño

no termo de Villamartín, século XVIII

 




[1]    Cf. AHN, Consejos, leg. 3364, nº 27: Don Simón Fernández Delgado y don Tomás Antonio de Prada, vecinos del lugar de Rubiana, sobre que se le conceda licencia y facultad para repartir entre los moradores de la jurisdicción de Valdeorras diez mil reales vellón para la construcción de un puente. Trece hojas numeradas y cinco al final sin numerar. Documento transcrito y publicado en Isidro García Tato, Valdeorras de cara al año 2000. Pasado, presente y futuro de una comarca, vol. II (O Barco de Valdeorras, 1996), 371‑380.

[2]    O rei dá ao mosteiro de San Pedro de Montes a igrexa de Santa María de Palacios de la Valduerna, concluíndo o documento coas palabras seguintes: “Facta carta apud Ruvianam pridie ydus decembris era Mª CCª XXXIIIª”.

[3]    Cf. Viaje a Galicia de Fray Martín Sarmiento (1754-1755). Ms. de la Abadía de Silos, transcrito por Fr. Mateo del Álamo y Fr. Justo Pérez de Urbel (Santiago de Compostela, 1950), pág. 134.

[4]    AHN, Consejos, leg. 485/I, nº. 6, fol. 25v. Vid. tamén: ibid., fols. 27v.-28r.; 29v.

 

 

NO SEGUINTE ENLACE PODEN ACCEDER AO TEXTO COMPLETO EN FORMATO PDF: 

/web2/sites/default/files/Cami%C3%B1o%20de%20Inverno%20Isidro%20Garc%C3%ADa%20Tato.pdf

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.