O Castro de Valencia do Sil rexurde 50 anos despois

09.08.19.- Este verán un grupo de voluntarios comandados polo arqueólogo, Santiago Ferrer  volveron a rescatar do esquecemento un dos castros máis senlleiros da comarca de Valdeorras. Na localidade de Valencia do Sil existe un xacemento que se descubriu fai agora 50 anos polo grupo dos Escarbadores e medio século despois volve rexurdir para “tratar de poñelo en valor”, explica Santiago Ferrer. O proxecto presentouse ao concello hai un tempo e o equipo de goberno de Rique Barreiro quixo darlle prioridade despois de contar cos permisos pertinentes. No grupo de traballo tamén está o vilamartinés, José Fernández, presidente da sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudios Valdeorreses.

Limpar e consolidar

"O proxecto empezará coa limpeza da zona así como ca retirada das terras que caían da montaña", explica Santiago Ferrer. Despois o ano que ven pensan en consolidar os muros de pedra e colocar paneis informativos. Tamén proxectan facer un mapa do lugar e interpretar os restos que están atopando. Ademais saben que a superficie do castro é moito maior do que xa se escavou. O arqueólogo pensa que a falta dun estudo máis detido o castro podería datar dos séculos III ou IV d. C., podendo ser unha pequena domus romana.

O que se leva atopado

Nestas semanas de traballo levan atopado diferentes pezas de cerámica, elementos da vida diaria e ata unha roda de muíño, moedas e  restos de animais. As moedas son o elemento máis numeroso. Despois de rematados os traballos procederán a súa catalogación.

 

Como empezou todo

Este ano cúmprense 50 anos dos traballos do grupo coñecido como Os Escarbadores, un colectivo de amantes do patrimonio valdeorrés que atopou o mosaico romano da Cigarrosa naquel tempo. Os alumnos dos centros Cosme López da Rúa e Lauro Olmo do Barco elaboraron un documental recopilando información sobre este grupo e os seus achádegos. Todo este movemento fixo a Santiago Ferrer lembrar o castro de Valencia do Sil que tamén investigaron os Escarbadores nos anos 60.

      

 

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.