O Castro de Valencia do Sil protagonista esta fin de semana de visitas e de traballos de investigación

24.10.19.- Os antigos poboadores da comarca de Valdeorras e a súa presenza no Castro da localidade de Valencia do Sil serán protagonistas esta fin de semana de dous actos. Por un lado unha visita co arqueólogo Santiago Ferrer e por outro o inicio das investigacións por parte do equipo de Sputnik Labrego.

Visita con Santiago Ferrer

Este sábado, día 26 de outubro, a partir das 10 da mañá o arqueólogo Santiago Ferrer ofrecerá unha visita guiada dentro do programa de actos organizados dende o Concello do Barco con motivo dos 50 anos de aniversario do descubrimento do Mosaico da Cigarrosa (A Rúa) por parte do equipo coñecido como os Escarvadores. O pasado luns houbo unha conferencia no Teatro Lauro Olmo onde o arqueólogo explicou detalles do pasado romano na comarca nomeando entre as principais pegadas o Castro de Valencia do Sil, do que dixo que podería ser unha ou dúas “domus romanas” e que cas futuras investigación saberase moito máis deste lugar.

A exposición "In terra Gigurrorum" pode visitarse no primeiro andar do Teatro Lauro Olmo ata o 31 de xaneiro do 2020. Nela hai pezas do Castro de Valencia do Sil.

  

Investigación de Sputnik Labrego

O obxectivo principal desta campaña, na que o equipo conta co apoio do Concello de Vilamartín, é escavar unha vivenda, posiblemente de época tardorromana , co fin de obter información detallada tanto sobre as datas de ocupación do xacemento, como das condicións de vida dos seus habitantes. Os investigadores realizarán análises detalladas, que incluirán a toma de mostras para datación por Carbono 14 e tamén de argamasas para determinar a data de construción da vivenda.  A intervención terá lugar entre os días 26 e 31 de outubro e poderá ser visitada polo público entre as 10:00 e as 17:00h, mentres duren os traballos. O Concello pon a disposición dos investigadores aloxamento no albergue de peregrinos do Bañadoiro así como o material de limpeza que precisen.

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.