03.10.17.- A corporación de Vilamartin celebrou a sesión plenaria do mes de setembro con sete puntos na orde do día. Entre eles o traspaso da titularidade do edificio do Centro de Saúde á Consellería de Sanidade, a adhesión á central de contratación da Federación de Municipios e Provincias (F.E.M.P) e unha moción do grupo municipal socialista solicitando a retirada do anteproxecto da modificación da Lei de Saúde de Galicia.
Cesión da titularidade do edificio do Centro de Saúde
A sesión plenaria empezou coa aprobación da Conta Xeral como trámite final a este procedemento que xa pasou por exposición pública. A continuación aprobouse o traspaso da titularidade do edificio do Centro de Saúde á Consellería de Saúde.
O edificio actual ten un almacén do Concello no soto e o centro de saúde no primeiro andar. O Concello faise cargo dos gastos de mantemento, electricidade e calefacción de todo o edificio. Dende fai uns anos a Consellería de Sanidade estase facendo cargo destes edificios, pero ante as dificultades dos trámites dividiron en catro grupos este proceso. O goberno parar aforrar custes, axilizou o proceso de cesión deste centro coa aprobación neste pleno.
Adhesión á central de contratación da FEMP
Neste punto aprobouse adherir ao Concello á central de contratación da FEMP á fin de poder contratar obras, servizos e subministro que esta entidade oferte. Entre eles está a contratación coas empresas eléctricas para aforrar no consumo do alumeado público.
Moción do PSOE retirada do anteproxecto da modificación da Lei de Saúde
A moción aprobada na sesión plenaria insta á Xunta de Galicia a retirada do anteproxecto e a creación dun grupo de traballo que inclúa representantes de todas as partes implicadas para marcar as necesidades de modificación da lexislación sanitaria. Con este grupo de traballo elaboraríase un informe de conclusións que proporía melloras na normativa.
Rogos e preguntas
No apartado final de rogos e preguntas o concelleiro da oposición, José Pinto, preguntou polos arranxos na estrada de Cernego e felicitou ao grupo de goberno por lograr a reparación deste vial. Solicitou ao rexedor, Rique Barreiro, que tome medidas para que os camións non o deterioren de novo.