Concello e veciños de Arcos buscan a mellor opción para a depuradora

Estación de biodiscos instalada en Éntoma (O Barco)

14-02.20.- A estación depuradora (EDAR) de Arcos construírase buscando o consenso de todas as partes implicadas. Neste caso teñen que buscar o mellor acordo posible entre o concello, os veciños desta localidade e a Confederación Hidrográfico Miño-Sil. Nestes momentos as opcións que se barallan son fundamentalmente dúas (dúas compactas ou unha pechada de biodiscos) xa que a terceira está practicamente descartada polos veciños e o concello ao ser unha construción aberta que xeraría cheiro e impacto visual. A idea é poder instalar unha estación depuradora que xere o menor impacto e ao mesmo tempo sexa eficiente.
O alcalde, Rique Barreiro, reuniuse cos veciños de Arcos para poder estudar as opcións e poder levar a cabo o proxecto que dará cobertura non só a esta localidade senón tamén a Valdegodos e Córgomo. Unha zona na que están instaladas varias empresas que precisan deste servizo. Agora seguirán co traballo de estudo para poder chegar a unha decisión que intente contentar a todos.
As dúas opcións que se están estudando son:

-Opción Depuradora biodiscos:
Unha das posibilidades está en instalar un sistema de depuración coñecido como de biodiscos que é compacto e non xera cheiros. Son instalacións pechadas que xa se están utilizando na comarca, neste caso na localidade barquense de Éntoma. O alcalde anunciou que fará unha visita cos veciños para poder ver in situ como funciona e descartar ideas preconcebidas.

-Dúas depuradoras pechadas:
A outra opción sería instalar dúas depuradoras pechadas, unha para a poboación e outra para as empresas. Esta idea permitiría instalar o sistema na zona industrial de Arcos entre as estradas N-120 e a N-536 e tampouco xeraría nin cheiros nin impacto visual.

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.