27.03.19.- Os incendios están facendo aparición moi cedo na nosa comarca. A pasada noite, ademáis dos lumes do Barco, o noso concello tivo un lume en Valencia do Sil. As lapas fixeron aparición ao redor das once da noite e co traballo de tres particulares e as catro persoas voluntarias do Equipo de Protección Civil puidose controlar. O rexedor, Rique Barreiro, agradece o traballo tanto dos veciños como dos voluntarios “grazas a eles puidemos controlar o lume e que non fora a máis”. Lembra que os voluntarios de Protección Civil en Vilamartín forman un equipo que “desinteresadamente e sacando tempo da súa vida privada axudan en todos os traballos a cambio de nada”. Un traballo ao que lle fai falta equipamento que se reclama dende hai tempo e non se consegue.
Necesidade dun coche para Protección Civil
O grupo de Protección Civil de Vilamartin leva en activo uns oito anos e dende entón estanse presentando subvencións para dotalos de equipamento. Unha das peticións máis necesaria é a de ter un coche propio para este equipo. O rexedor, Rique Barreiro, explica que “outros grupos con menos anos de existencia xa contan con vehículo para os seus servizos e nós aínda non o conseguimos, si que parece que para estes temas seguen pesando as cores políticas”.
Imaxes do incendio en Valencia do Sil na noite do 26 de marzo coa actuación dos voluntarios e os veciños