Instalada a segunda válvula redutora de presión en Vilamartín centro para garantir o abastecemento de auga e controlar o consumo

24.02.18.- Esta semana  instalouse a segunda válvula redutora de presión na parte baixa de Vilamartín pobo para mellorar o sistema de abastecemento nesta parte da vila. Os traballos comezaron no mes de xaneiro coa colocación dunha primeira válvula no depósito de auga que abastece ao centro urbano. Este sistema permite reducir a forza da presión coa que baixa a auga dende o depósito vello á rede de abastecemento. Deste xeito con menos presión rebaixarase o nivel de avarías que se viñan producindo por esta causa nas tubaxes vellas de fibrocemento.

A rebaixa de presión non vai reducir o caudal de auga que abastece ao centro urbano e ao mesmo tempo permite saber onde se producen fugas. A medición do gasto de auga farase coa instalación desta segunda válvula deste tipo na parte baixa da vila e un contador. “Estase gastando ¾ partes de auga máis do que realmente se precisa para os 600 habitantes que somos neste centro urbano” explicaba o alcalde, Rique Barreiro. O rexedor explica que na segunda válvula hai un sistema de medición co que se saberá onde se vai a auga, “xa que hai xente que rega as fincas coa auga de consumo humano e non o podemos permitir, sobre todo cando hai seca e falta de auga” engade Barreiro.

 

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.