Parte dos fondos do remanente investíronse en Córgomo, San Vicente e no ensanche e mellora dun vial do concello

14.09.18.- Obras en dous pobos do concello, San Vicente e Córgomo, así como o arranxo dun vial de comunicación foron os destinatarios dos fondos do remanente de tesoureira.  Uns fondos propios que tamén deron para os arranxos das instalacións da piscina, como xa se relatou noutra información desta web municipal. Na Praza do Fondo do Enxortedo e no muro de contención da igrexa en San Vicente investíronse 15.500 euros. Outros 15.000 euros destináronse á mellora dunha rúa en Córgomo e 23.000 para o ancheado da estrada dende Surregos  (Córgomo) ata San Xulián, dirección Portela.

Obras en San Vicente

A Praza do fondo do Enxortedo cambiou a súa cara cunhas obras de reposición e consolidación do muro perimetral con escollera de lousa. Ademais fíxose a plataforma continua con formigón e pechouse con madeira reciclada e pedra rústica o seu perímetro. Por outra parte construíuse un muro de contención a carón da igrexa con 12 metros lineais de pedra do lugar e plataforma continua de formigón na súa parte superior.

  

 

Estrada Córgomo a Portela

A obra nesta ocasión serviu para ensanchar este vial dende a zona de Surregos ata o cruce coa caldeira de rego en dirección a Portela. Fíxose con muros de contención, asfaltado e beirarrúas con formigón impreso. Despois dese tramo, continuouse gañando espazo para os viandantes e coches ata San Xulián,  facendo as zonas de circulación da auga de regar con canalización de cemento. Deste xeito permite o paso da auga e tamén ter máis espazo para a circulación de vehículos.

 

    

Rúa en Córgomo

A rúa que vai dende a fonte da Cruz ata a casa de Florencio Delgado Gurriarán cambiou o seu aspecto con formigón impreso. Dándolle un aspecto máis rústico.

 

 

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.