Sesión plenaria con lembranza para o tenente de alcalde e aprobación de obras

Sesión plenaria celebraba o día 26 de novembro

27.11.20.- A sesión plenaria do mes de novembro empezou cun minuto de silencio polo recentemente falecido, José Luís Álvarez Álvarez, tenente de alcalde deste concello. Ademais o rexedor, Rique Barreiro leu unhas palabras de lembranza do compañeiro de grupo de goberno. Nelas lembrou que “José Luís estaba feito doutra pasta, da daquel que nunca fala mal de ninguén e sempre busca o bo e o ben dos outros; do que aproveita todas as circunstancias para dialogar, unir e convir cos demais; daquel que sempre pensaba nos demais que en si mesmo; do que sempre está disposto a axudar e colabora en todo...”. O rexedor lembrou que un dos últimos proxectos que lle transmitiu foi que o concello fixera unha homenaxe a Luis Nogueira, varias veces campión mundial de lanzamento de xabalina. Apuntando que farán realidade ese proxecto.

Na orde do día figuraban outros temas que a continuación explicamos:
- Aprobado por unanimidade o programa do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) do Concello. Agora remitirase ao organismo competente para continuar coa tramitación.
- Aprobado por unanimidade a contratación do servizo de Axuda no Fogar baixo a modalidade de dependencia e libre concorrencia. Evitando desta maneira que se interrompera o servizo que se presta na actualidade a persoas dependentes no concello.
- Aprobouse tamén un crédito extraordinario para continuar cunha serie de obras. Neste caso o Partido Popular abstívose por considerar que se podía investir o diñeiro en outras obras . O rexedor indicou que non había problema en cambiar algunha da partidas para outra obra se o grupo da oposición quería colaborar e aportar ideas. A cambio pedía que non se abstiveran na votación. Pero finalmente os populares abstivéronse igual e non se modificou o plan de traballo das obras previstas ao non haber colaboración á petición do alcalde.
- Rexeitouse unha moción de urxencia do PP na que solicitaban que se baixara o IBI. Non se aprobou a urxencia desta moción e por tanto non se debateu. O que si houbo foi discusión polos motivos polos que non se podía baixar este imposto. O alcalde, Rique Barreiro, explicou que ten en mente facer esa rebaixa pero non poderá ser ata que se pague a débeda completa que tiña o concello cando chegaron a alcaldía. Naquel momento había 1,600.000 euros e agora restan 100.000 euros por saldar. Barreiro lembrou tamén que o IBI foi subido polo PP no 2007 cando estaban no goberno.

OBRAS QUE SE FARÁN COA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO
As obras que se farán con cargo a esta modificación aprobada son:
-Beirarrúas na zona industrial de Arcos
-Pavimentación Aira dos Bolos
-Pavimento en parques infantís. Entre eles colocarase pavimento artificial nos de Córgomo e a Rodeleira.
-Carteis de sinalización de entrada e saída de varios pobos que agora non teñen ou están deteriorados: Córgomo, Arcos, Vilamartín
-Ruta A Loba da Faba: Unha inversión duns 40.000 euros para a limpeza, acondicionamento. sinalización e homologación dunha ruta circular que amplía a xa existente ruta de muíños. Esa ruta pasará polas poboacións de Vilamartín centro, Cernego, Robledo, San Vicente , O Mazo e volta a Vilamartín.

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.