Sputnik Labrego aposta pola creación dunha aula arqueolóxica en Vilamartín para amosar os obxectos atopados no Castro de Valencia do Sil

16.09.20.- Este venres remata a segunda campaña de escavación do colectivo Sputnik Labrego no Castro de Valencia do Sil. Este mércores, día 16, entregaron no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense todo o atopado tanto nesta campaña como na anterior. Para rematar a estadía na zona queren amosar a todos os veciños da comarca o que descubriron nestes 15 días de traballo. Para elo farán unha xornada de visita o sábado 19 de setembro ás 10 da mañá. As explicacións faranse en grupos de 10 persoas para seguir as medidas de seguridade da Covid-19. O punto de partida das visitas serán a praza do pobo de Valencia do Sil. Están invitados a asistir todos os interesados en coñecer os avances na busca de explicacións sobre quen eran e como vivían os moradores deste castro.
O director do proxecto Sputnik Labrego, Carlos Tejerizo, explicou os obxectivos e primeiros resultados desta campaña. Conta con volver en breve a Vilamartín para poder montar unha conferencia para expoñer todos os resultados. Relata que o xacemento ten unha complexidade tal que vai levar tempo en descubrir todo o que alí había. Ademais teñen evidencias de que estaba densamente poboado e cunha estrutura social moi organizada para uns 150 a 200 habitantes.
A continuación contamos o que nos relatou para que poidamos achegar información a todos os veciños.

P-Que obxectivos tiñades para esta segunda campaña de escavación?
R- Partimos nesta tempada con tres obxectivos:
1- Escavar na zona da coroa do castro para ver se había evidencias de ocupacións anteriores aos séculos IV e V que son as épocas nas que estamos situando este asentamento.
2- Na parte do que denominamos sector doméstico (zona que comezou a escavar hai anos o grupo dos Escarvadores de Valdeorras) queríamos continuar cos traballos para ver si conseguíamos chegar ata os límites da edificación.
3- O ano pasado empezamos a destapar un edificio que parecía dedicado á produción de ferro ou dalgún metal. Queríamos delimitar a súa funcionalidade, si era un edificio illado ou pertencía a un barrio, etc.

P- E pasadas as semanas que resultados acadastes destes obxectivos iniciais?
R- Pois de momento solo podemos falar de resultados a medias porque unha vez rematado o traballo de campo queda o de laboratorio para facer a datación dos materiais atopados e poder asentar todas as conclusións. Pero podemos falar de:
1. Na zona da coroa do castro: as escavacións non deron resultados e non atopamos evidencias de ocupacións anteriores aos séculos IV e V que é na época que nos movemos pola datacións radio-carbónicas de materiais atopados.
2. Con relación á casa principal descubrimos que é moito máis grande do que pensabamos. Non hai referencias de algo tan grande e tan ben artellada con habitacións como o que estamos atopando. Tendo ademais en conta que aínda non chegamos a onde remata o edificio. Nesta zona un dos mellores obxectos atopados foi unha fonte de cerámica enteira, que se coñece como fonte de Lugo (polo lugar no que se elaboraban) e que ademais ten dentro terra que nos permitirá analizar e saber que contiña. Tamén atopamos tres moedas moi oxidadas que hai que limpar para saber a que época pertencen. Con todo isto teremos máis datos da época.
3. Na zona de forxa de ferro ou cobre o ano pasado atopamos moitos restos de ferro e este ano non atopamos restos dunha estrutura de forno e cremos que este edificio podería ser un almacén ou algo similar. Ademais temos evidencias de que non estaba illado e que forma parte dun barrio de casas.

P- Co que levades atopado podedes empezar a contar quen e como vivían neste castro?
R- Este xacemento ten unha gran complexidade e estaba densamente poboado e cunha estrutura social moi organizada. Hai que ter en conta que o xacemento ten unhas 3 hectáreas e solo temos un 5% (uns 200 metros cadrados) escavados. Entre os elementos que nos poden falar de quen vivía alí está o tipo de chan que atopamos en zonas da casa ligado a elites sociais que posiblemente se dedicaban a comerciar con metais e outros temas. As ánforas atopadas falan dun comercio intenso así como a zona de produción de elementos de ferro cos que se podería comerciar na época da fin do Imperio Romano. Ademais a propia zona na que vivían con casas aterrazadas nunha zona de difícil acceso construídas con moito esforzo daban a idea da importancia do asentamento que estaba densamente poboado. Calculados ao redor dunhas 150 a 200 persoas.

P- Volveredes ao Castro de Valencia do Sil para continuar cos traballos?
R- Por suposto que si. Agora temos por diante un gran traballo de laboratorio e de concretar todas as hipóteses. Neste tipo de traballos é moi importante facer boas preguntas para dirixir ben os traballos e dar con bos resultados.
Temos unha moi boa relación co concello e este ano tivemos máis axuda a través do convenio coa Universidade de Santiago para as prácticas do Master de Arqueoloxía. Ademais dunha boa promoción para o xacemento tamén o é para toda a comarca de Valdeorras. Foi unha boa experiencia e queremos repetir. Tamén queremos volver para presentar os resultados a todos os veciños.

P- Como está sendo a resposta dos veciños aos vosos traballos?
R- Pois moi boa e iso que este ano o coronavirus Covid-19 limitounos un pouco e cortou un pouco ese contacto cos veciños. Pero aínda así houbo xente que se achegou ao xacemento. A sensación que temos é que en Valdeorras a xente está moi interesada en coñecer a súa historia pero non había referentes e sitios para descubrila. Sería moi interesante ter unha aula arqueolóxica aquí en Vilamartín para amosar todo o descuberto que agora está gardado no Museo Arqueolóxico de Ourense. Un entorno de exposición serviría para dalo a coñecer e promocionar a zona.

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.