20.09.17.- O Concello de Vilamartín vai ter durante o outono varias obras en marcha en diferentes puntos do municipio. A estrada de Cernego, a mellora do alumeado en Córgomo, o saneamento e abastecemento da Rodeleira, o arranxo de camiños coa motoniveladora da Deputación son algunhas das obras que se afrontarán nos próximos meses de outono. Todas as obras faranse con subvencións de plans provinciais, axudas de eficiencia enerxética e colaboracións coa Deputación de Ourense principalmente. Traballos solicitados dende o equipo de goberno socialista para mellorar as infraestruturas do municipio.
Estrada de Cernego
A estrada de Cernego, destruída polo paso de camións de cortar os pinos nos montes, vai ser reparada coa colaboración da Deputación de Ourense. Nunha entrevista do alcalde, Rique Barreiro, co presidente do organismo provincial, José Manuel Baltar, chegaron ao acordo de cesión de maquinaria e unha brigada para proceder á reparación deste vial. Ademais da maquinaria facía falta diñeiro para o pago dos materiais. Este conseguiuse co aforro logrado noutros proxectos que se porán en marcha en varios puntos do municipio. As obras empezarán no mes de outubro.
Motoniveladora da Deputación en varios camiños
Camiños de Cernego e da zona de captación de Abelaído serán os dous puntos nos que empezará a traballar a motoniveladora da Deputación nos próximos días. O organismo provincial tiña pendente mandar esta máquina para poder arranxar varios viais do municipio. Usarase en todos aqueles puntos nos que por tamaño poida entrar e traballar.
Mellora do alumeado en Córgomo
A través dun proxecto de eficiencia enerxética cambiaranse as bombillas das farolas desta parroquia por outras led. A obra empezará no mes de outubro despois de que se licitara nestes días. Estes traballos chegan ao pobo de Córgomo despois de telos xa feitos en outros como Correxais e o Mazo. O aforro enerxético e de diñeiro na factura da luz xa é importante segundo os últimos datos.
Rede saneamento e abastecemento da Rodeleira
A rede de saneamento , pluviais, abastecemento e de regadío deste barrio ten graves problemas de filtracións e roturas pola antigüidade e materiais de mala calidade usados na súa construción hai anos. Agora vaise proceder a súa renovación integral. Un proxecto que leva tempo proxectado pero que precisaba reunir o diñeiro necesario.