Valentín Murciego: “Encántame ser amigo dos meus pacientes e que confíen en min”

20.10.17.- Valentín Murciego Prieto leva 38 anos traballando como médico dos cales 34 foron nesta vila. Agora dende o mes de agosto goza do seu novo tempo libre xubilado para gozar das súas afeccións como o baile e a práctica de deportes como o tenis, esquí, golf ou  bicicleta de montaña.  Aínda que o seu amor pola profesión non lle deixa abandonala por completo e seguirá exercendo un tempo máis como facultativo na residencia de anciáns de Valdegodos e tamén na de Viana do Bolo.

Valentín naceu na localidade de Jimenez de Jamuz no 1952 e con catro anos,  os seus pais, Constancio e Odorinda, trasladáronse a vivir a Ponferrada onde abriron unha tenda de roupa. Valentín estudou medicina na Complutense e con 27 anos empezou a exercer. O seu primeiro destino foi a localidade de La Bañeza, despois en Bustillo del Páramo e Veguellina de Orbigo.  Logrou a súa praza de médico sendo o número 32 da oposición con 4000 prazas .

-Por que escolleu Vilamartín de Valdeorras como destino cando aprobou a oposición sendo de Castela e León?

-Levaba case catro anos traballando en varios pobos de Castela e León e tiña que facer gardas nocturnas e cando aprobei o destino de Valdeorras era unha zona na que había o servizo de urxencias integrado no hospital comarcal. Desta forma non había que facer gardas nocturnas no centro de saúde. Ás cinco da tarde terminabas o teu traballo e tiñas tempo para poder facer outras cousas.  Os meus oito meses sen durmir con tranquilidade na zona de La Bañeza, o meu primeiro destino antes de aprobar, marcáronme moito.

- Cal foi a súa experiencia nestes 34 anos de traballo coa xente de Vilamartín?

-Nesta zona a xente cre bastante no médico, no meu traballo. Chegando incluso a non querer que os derivara a especialistas porque querían que os tratara eu . Ese foi un dos cambios con respecto á miña experiencia previa en León onde o que querían era que os enviaras aos especialistas ou tiñan o seu seguro privado e viñan a consulta a por receitas.

-Como describiría aos seus pacientes ?

-Son moi duros, sufridos, respetuosos e como digo con moita confianza no médico. Mellor non se pode pedir.

-Como ve vostede a relación médico-paciente?

-O médico e o paciente deben ser amigos. O médico ten que escoitar ao paciente, teñen que ser amigos e dicirlle que tome os medicamentos, controlalos pero non quedarse en solo ser un mero controlador. O médico debe ser un amigo non un mero funcionario. E niso creo que tamén inflúe vivir no mesmo sitio que traballas. Como médico sempre fun partidario de facelo así e creo que debería ser extensible tamén aos mestres. Coñeces mellor a xente, vives con eles, fas actividades e podes entendelos mellor.  Hoxe en día,  iso cambiou e creo que se perde relación. Eu vivín aquí con Toñi, a miña parella, e as nosas dúas fillas, integrámonos e participamos en moitas actividades. Ata organizamos nós algunhas , por exemplo un ano fomos presidentes da comisión de festas do San Jorge e organizamos unha festa para 200 nenos . Foi todo un éxito no que gastamos 60.000 pesetas en larpeiradas. Despois colleuna o Concello e xa non funcionou. Outro ano organizamos unha festa de Fin de Ano e tamén respondeu moi ben a xente. O que quero dicir é que eu non solo traballo aquí, senón que vivo e estou integrado.

-Como ve a súa profesión de médico hoxe en día?

- A min gústame o meu traballo, cousa que hoxe en día non vexo en moitos dos meus compañeiros. Estou desconforme coa relación que se establece médico-paciente. Non lles gusta o que fan, teñen a idea de que os pacientes son uns  da administración porque solo fan gastar en medicamentos e probas médicas.  Quéixanse do seu traballo e moitas veces solo se enfadan  e bérranlle ao paciente por estar gastando o diñeiro en medicamentos. Imponse a economía , o criterio solo é aforrar e como aos médicos lle pagan o plus de produtividade por receitar menos medicamentos ou solicitar menos probas médicas, pois xa non se teñen en conta outras cousas. Creo que non se pode recortar en medicamentos ou se tes que pedir probas. Creo que hai que volver a recuperar esa amizade co paciente porque ante todo é persoa. Todo son protocolos a seguir e moito papeleo que che quita tempo para falar co paciente, con máis diálogo faríase máis. O cariño e a amizade é moi importante. Habería que facer unha enquisa na que se medira o nivel de satisfacción do paciente co médico, esa sería unha boa medida.

 

-Seguro que en todos estes anos ten moitas anécdotas exercendo a súa profesión?

- Si que as teño, lembro por exemplo cando empecei  que un día tiña unha mosca na consulta que non me deixaba en paz e de repente entrou unha señora maior vestida de negro que viña con 50 moscas ao seu redor, eu pensei que me ían quedar todas na consulta pero ao marchar ela fóronse todas, incluída a que eu tiña.  Ou outra que lle quería tomar a tensión e non sabía que brazo deixarme porque non se lembraba cal lavara.

Despois co tema das receitas de xenéricos,  lembro unha vez nunha residencia na que estaba un militar retirado e que ao chegar díxome que eu tiña sorte de que el non tivera alí a súa pistola porque senón pegábame catro tiros. Eu pregunteille o motivo e díxome que eu deixara de receitarlle unha pastilla para o corazón que levaba moitos anos tomando e que o estaba matando. Consultei coa enfermeira do centro e vin que seguía tomando o mesmo tratamento pero co xenérico. Expliqueillo e el entendeuno e ata me pediu desculpas.

-Ademais das anécdotas, que outras situacións complicadas viviu na súa consulta?

- A verdade é que nos meus anos de profesión poucos problemas tiven, e graves non lembro ningún. Solo unha vez que me librei por pouco da agresión dun drogodependente que me pedía máis receitas e como non llas din, lanzoume un paraugas, eu agacheime e librei. Pero non foi a máis a cousa. Non tiven ningunha denuncia, si algunhas discusións pero non foron a máis.

-Por que se xubila agora?

-Considérome aínda útil, eu non planeaba xubilarme  e podía pedir ano a ano ata os 70. Pero o que me ofreceron  foi un ano máis pero renunciando a o estatus médico A.P.D. (Asistencia Pública Domiciliaria). Tiña que entrar noutro sistema solo como médico de familia e non me interesaba solo por un ano.

-Pero algo vai seguir facendo?

-Vou seguir traballando con xente maior que me ofrecen unha gran relación e estou encantado con eles e creo que saín gañando. Son de ideas fixas e creo que o importante na vida é a dignidade máis que o diñeiro.  Ademais agora terei máis tempo para os meus deportes, son un auténtico privilexiado e non me arrepinto de nada. Solo podo darlle as grazas a toda a xente de Vilamartín.

-Que lle parece a festa homenaxe que lle organizan este sábado?

- Estou moi agradecido, é todo un detalle que emociona a un. Espero que a homenaxe sexa unha festa para toda a xente. Gústame o que se está a facer,  xa que dende a administración do Sergas non recibín nada, nin unha postal. Chegou o día e non me comunicaron nada, solo  o aviso que recibira tres meses antes e nada máis. Pero para berrar porque receitaba poucos xenéricos para iso si que chamaban. O que teño claro é que estou moi agradecido coa xente de Vilamartín e coa confianza depositada  en mín.

 

Galego
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.