Aprobado un orzamento con máis obras para este ano

12.04.18.- O Concello de Vilamartín aprobou esta tarde os orzamentos para o ano 2018 nun pleno extraordinario. Unhas contas que ascenden a algo máis dun millón e medio de euros  e nas que o grupo de goberno socialista “procurou facer contención de gasto sen merma de servizos” tal e como explicou o alcalde, Rique Barreiro. O presuposto foi aprobado cos votos a favor dos socialistas e a abstención do concelleiro da oposición, José Pinto. Os membros do grupo do PP non fixeron acto de presenza como ven sendo habitual en todos os plenos desta lexislatura.

O rexedor explicou que este ano “despois de ter que pagar moitas débedas atrasadas que nos viñeron do anterior equipo de goberno, imos poder facer máis obras que o ano pasado”. Ademais fixo referencia ao aumento nas partidas dedicadas a gasto social, sobre todo axuda a domicilio, ademais de  deportes e cultura.  No apartado de deportes as inversións estarán centradas en mellorar as instalacións deportivas do pavillón polideportivo. No apartado de cultura seguirán coas actividades para os nenos e o programa de difusión da figura do poeta Florencio Delgado Gurriarán, entre outras.

Na explicación das contas dada na sesión plenaria desta tarde, contouse que entre os ingresos están uns 506.000 euros que se recadan de impostos directos e preto de 110.000 euros en subvencións de diferentes organismos.  O gasto de persoal  é unha das partidas máis fortes con 369.500€ .

Subvención de 180.000 € para o alumeado público con luces LED

Na sesión plenaria, ademais dos presupostos, tamén se aprobou a Ordenanza para a Administración Electrónica a través desta páxina web e a petición dunha subvención de 180.000€ para o cambio de luminarias LED en todo o Concello. Un proxecto do que Concello aportaría de fondos propios 36.000 €. Neste programa de axudas do IDAE xa non entran as poboacións de Córgomo, O Mazo e Correxais que xa teñen esta tecnoloxía instalada na súa iluminación. Demostrando no caso de Correxais un aforro de mínimo o 70%.

Datos do orzamento de Vilamartín para o ano 2018

Remanente tesourería: 280.000 €

Total orzamento: 1,590.000.000 €

-Principais partidas inversoras

  • Zona Bañadoiro (Albergue e piscina): 100.000 €
  • Piscina: 40.000 €

Acondicionamento exterior do vaso, obras nos baños e duchas, ademais da zona peche exterior.

  • Albergue: 60.000 €

Obras na zona de estar, poñer calefacción, abrir algunhas fiestras e illar o edificio, así como redistribuír todo nas zonas de homes e de mulleres. Un 90% asumido por fondos europeos Feder (Agader).

  • Reforma rúa central pobo Portela:  110.000 € (48.000 € de fondos plans provinciais)

Levantar a rúa principal para poñer todas as acometidas e as baixantes das casas, que irán ás pluviais; e cambiaran a canalización dos desaugues nun tramo de 20 ou 30 metros.Despois de repoñer o firme, faranse as beirarrúas perimetrais desde a Casa de Camba ata a praza de Santa Ana.

  • Arranxo do camiño ao depósito de San Miguel: 33.000 € (Plan Marco, Medio Rural)
  • Zona das covas: 60.000 €

Arranxo no Camiño do Caño para cambiar as instalaciones de tuberías da traída que están de fibrocemento e acometidas de auga nas adegas, así como a recollida de pluviais e fecais.

  •  Canalización auga río Farelos: 15.000 €

Remate a obra de canalización de auga dende o río Farelos para abastecer Valdegodos e Córgomo.

  • Estrada Córgomo-Portela: 33.000€ (Plan Marco) e 12.000 € (fondos propios)

Asfaltado do vial e arranxo de beirarrúas con canalizacións de formigón para auga nos lateraisda estrada.

  • Realización pórtico Centro Social de Arcos: 12.000 €
  • Praza Enxortedo en San Vicente e muro á carón da igrexa: 12.000 €

 

 

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.