A Nosa Historia

O Concello de Vilamartín forma parte da historia da comarca de Valdeorras e conta con diversos restos arqueolóxicos que así o demostran. Neste apartado tentamos ofrecer un breve resume desa historia e da súa relación coa nosa localidade.

A PREHISTORIA

O termo municipal de Vilamartín de  Valdeorras conta cun importante patrimonio cultural e arqueolóxico atribuíble a diversos períodos históricos, dende os primeiros poboadores paleolíticos, pasando polo neolítico, a Idade do Bronce e do Ferro. A pegada paleolítica aparece testemuñada pola presenza de diverso material lítico: bifaces, raederas, lascas ou núcleos todos eles , na súa maioría de cuarcita, disperso polas terrazas do río Sil. Da época do Neolítico son coñecidos os diversos monumentos megalíticos que nos indican a introdución de novos ritos e costumes funerarias representados por grandes sepulturas, de carácter colectivo, denominadas comunmente como mámoas en gran parte do territorio galego mentres que en Valdeorras son coñecidos como medorras, que se agrupan en extensas necrópoles das que no concello podemos localizar nos montes de Cereixido e Busdei unha boa mostra deste fenómeno funerario. Da Idade do Bronce son famosos os petróglifos de Penas dauga nos que se poden apreciar gravados na rocha diversos motivos como cazoletas, círculos concéntricos, cruces así como un gran labirinto, os petróglifos do Alto dos Pinos, lindeiros co concello de A Rúa, onde se representan unha serie de armas tipo alabardas esculpidas todas nun tipo de rocha característico da comarca valdeorresa de cor vermella coñecida como rocha conglomerática, ou os petróglifos de o Alto dos Castelos en Correxais con representación de motivos cruciformes e ferraduras. Finalizada a Idade do Bronce da comezo a cultura castrexa que por carecer de escritura as fontes grecorromanas resultan imprescindibles para o seu estudo pintándonos un panorama dun territorio dividido en parcelas desiguais de ámbito comarcal coñecidas como civitates ou populi que se artellan en unidades subordinadas chamadas castellum ou castro. A través destas fontes sabemos, tamén, que a comarca de Valdeorras estaba ocupada polo pobo dos Gigurri do que nos quedaron numerosos xacementos castrexos, entre os que podemos destacar: O Castelo de Valencia que foi obxecto de escavacións arqueolóxicas na década dos 70 da pasada centuria por parte do grupo valdeorrés de Os Escarvadores que puxeron ao descuberto unha serie de cabanas que responden a unha ocupación na época romana tardía sen descartar fases de ocupación anteriores. O castro de A Madalena en Vilamartín ocupado na actualidade polo Pazo do Ruchel ou o Pendón por encima da poboación de Arnado, servindo de límite co concello de O Barco.

A ROMANIDADE

Coa conquista romana do Noroeste Peninsular polo emperador Augusto (25-19 a C.)  a etnia dos Gigurros queda integrada  política e administrativamente na rexión de Asturia e no convento xurídico de Asturica con capital en Asturica Augusta (Astorga), resultando de extraordinaria importancia para  o desenvolvemento desta comarca a construción da Vía Nova ou vía XVIII do Itinerario de Antonino unha das estradas deseñadas durante o reinados dos emperadores Vespasiano e seus fillos Tito e Domiciano coa finalidade de comunicar as grandes cidades de Braga e Astorga por un territorio salpicado de numerosas explotacións auríferas tanto de orixe primario como secundario, destacando no noso concello o complexo de As Barreiras (Córgomo), Valdegodos e a Pala (Vilamartín), O Pedragal e o Carril (Portela) ou a Cova dos Mouros en Arcos. Outras mostras de romanización  son os asentamentos en planicie como o Pombal en San Miguel de Outeiro ou a ara de Vilamartín dedicada o deus Porolus por Marco Emilio Lepidino que se conserva no Museo Arqueolóxico de Ourense.

A IDADE MEDIA

Coa irrupción dos pobos xermánicos, a principios de século V, iníciase o desmantelamento das estruturas político administrativas do Imperio Romano coa presenza de Suevos, Vándalos, Alanos e Visigodos, iniciándose unha etapa pouco coñecida  con dispersos e escasos restos arqueolóxicos. Temos constancia  da acuñación de moedas por parte dos reis Witterico, Sisebuto e Suinthila na ceca de Geurres evolución do topónimo Gigurri e dalgunhas pezas arquitectónicas  visigóticas na veciña localidade de Petín: capiteis e pilastras ou a placa dun cancel en Córgomo e outra en Xagoaza (O Barco). Coa invasión árabe a principios do século VIII, os vellos aparatos administrativos desaparecen a vez que diminúe a densidade de poboación abandonándose  os  poucos núcleos urbanos que quedaban, producíndose un despoboamento xeralizado da que non estivo ausente Valdeorras. Coa creación da monarquía asturiana comeza paseniñamente a reconquista dos territorios situados ao norte do río Douro e o fenómeno da repoboación coa construción de novos núcleos de poboación que son os que se conservan, maioritariamente, na actualidade con xentes autóctonas ou procedentes doutros lugares, sendo mostra deste fenómeno os topónimos: Vascois (repoboación feita con Vascos) ou os que inician con Vila (Vilamartín, Vilanova, Vilela, Vilariño, etc). Son escasas as mostras deste período que se sintetizan na aparición dunha fiestra xeminada procedente de San Salvador de A Proba  conservada no Pazo de Don Demetrio en Arcos. Dende o século IX xa se empeza a contar con diversa documentación  escrita que nos permite  afirmar que a tenencia,mandación ou commitatus de Valdeorras recaeu sobre unha única familia, os Froilaz con residencia en Xagoaza, unha especie de gobernadores  da terra de Iurres. No século XIV a tenencia  de Baldiorres pasa do liñaxe dos Froilaz aos Castro, señores de Trastamara, Lemos e Sarria en virtude dunha doazón que o rei Alfonso IX fixo a Pedro Fernández de Castro quen constrúe a fortaleza de O Castro converténdose en capital deste señorío.  Tras a guerra civil entre o rei don Pedro I e o seu irmán Enrique II  os bens dos Castro son confiscados e doados a Perrin de Bersevá. Durante os 25 anos seguintes, o señorío de Valdeorras, pasa por varias mans ata  que por compra pasa a  dona Isabel de Castro. Á morte desta herda a súa filla Juana de Castro que se casa con don Juan Pimentel, conde de Benavente, unindo temporalmente os señoríos de O Bolo e  Valdeorras. Deste matrimonio naceron dous fillos, don Alonso que morre moi cedo, e dona María Pimentel y Castro  que casa con don Bernardino Pérez Sarmiento pasando o señorío de Valdeorras a mans do conde de Ribadavia permanecendo nesta familia ate a supresión dos  mesmos a mediados do século XIX.

O ANTIGO REXIME

Época que comprende os séculos XVI a XVIII caracterizado, no político, pola monarquía absoluta aínda que mantendo as vellas estruturas medievais  como os señoríos, con  menos atribucións pero mantendo  moitos privilexios, nomeando xustizas, alcaldes, rexedores e cobrando impostos,  recaendo Valdeorras baixo a autoridade  dos condes de Ribadavia. Continúan as institucións  eclesiásticas e monásticas medievais as que se engaden outras novas como o convento dos frades Trinitarios Descalzos de Correxais, fundado por bula pontificia o 15 de febreiro de 1725 tras un longo proceso  con xentes partidarias e outras en contra da súa creación. Por outra banda, o novo réxime, favorece o xurdimento de novos ricos  que levantan fermosas construcións ou pazos como as casa fidalgas dos Prada, Losada, Quiroga, etc presentes en varias poboacións do municipio como as de Portela, San Miguel de Outeiro ou  o pazo de Cima de Vila en Vilamartín, actualmente desaparecido.

Convento Trinitarios de Correxais Convento Trinitarios de Correxais

O SÉCULO XIX

Coa Guerra da Independencia  iniciase un longo proceso de transformacións que van permitir a creación do estado moderno, aínda que se produciron situacións de involución, con intentos de manter a monarquía absoluta. O camiño iniciouse nas Cortes de Cádiz coa redacción da primeira Constitución Española; papel especial tivo o cura párroco de Vilamartín -o abade Ruíz de Padrón, natural das Illas Canarias- principal impulsor da abolición da Inquisición e do Voto a Santiago. Transcendental para o desenvolvemento económico da comarca valdeorresa, foi a construción da liña do ferrocarril e da estrada N-120, a finais de século. Estas infraestruturas favoreceron unha profunda transformación no  viñedo, coa introdución -despois da praga da filoxera, que arrasou  coas variedades autóctonas- de novas variedades máis produtivas; ao mesmo tempo, permitiron a saída deses produtos cara os novos mercados, a través dos portos de Vigo, A Coruña o Ferrol.

 

Texto elaborado polo arqueólogo:  Santiago Ferrer

 

 

Galego
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.