O alcalde de Vilamartín iniciará un encerro no Concello como medida de presión para o arranxo da estrada de San Vicente

06.03.18.- A estrada pertencente á Deputación de Ourense leva sufrido nos últimos días graves derrubes que acentúan o estado de ruína no que xa se atopaba. O rexedor leva sete anos tentando buscar unha solución co organismo provincial a un vial que leva case 25 anos de problemas polo mal estado.  Ante a falta de actuacións e dado que o problema se agravou nos últimos días, esta tarde convocouse unha rolda de prensa no pobo de San Vicente no que se anunciaron medidas de presión. O rexedor, Rique Barreiro estivo acompañado no apartado político polo Deputado socialista na Deputación, Miguel Bautista e o portavoz, Francisco José Fraga, así como os alcaldes de A Rúa, Luis Fernández Gudiña e o do Barco, Alfredo García. Tamén contou coa presenza de máis de 30 veciños da zona.

Nesta rolda de prensa explicou que unha das medidas de presión, para que se ofreza unha solución temporal á estrada, vai ser que a partir de mañá o rexedor vaise encerrar no Concello. “non sairei ata que a Deputación poña sobre a mesa unha medida temporal para este vial, traendo máquinas á zona para sacar a parte de pedras da parte superior da estrada que están aprisionando e provocando o derrube, segundo nos explican os entendidos no tema” explicaba Rique Barreiro. A idea exposta podería paliar a situación da estrada facendo máis espazo e sacando peso dese tramo que se está derrubando. O proxecto definitivo estaría no recheo da fosa para evitar o corremento de terras.  Ademais desta medida os veciños van elaborar pancartas e exhibilas nos concellos veciños e tamén nos seus coches.

       

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.