Unha andaina solidaria en repulsa da violencia machista para o 25 de novembro

20.11.17.- O Concello de Vilamartín participa nos actos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero do próximo 25 de novembro. Nesta ocasión en colaboración cos concellos de O Barco, A Rúa, Petín e A Veiga faranse varias actividades entre as que destaca a andaina solidaria de repulsa ás violencias de xénero. A andaina  celebrarase o sábado 25 de novembro e terá dous posibles percorridos, un dende Petín e outro dende O Barco. Os dous rematarán ás doce do mediodía na área recreativa do Bañadoiro no que se farán unha serie de actos conmemorativos.  A andaina, nos seus dous percorridos, empezará ás 10 da mañá e poden apuntarse todos os interesados nos seus respectivos concellos. En Vilamartin existen fichas de inscrición en varios locais comerciais e hostaleiros da vila. A inscrición custa 5 euros no que se inclúe unha camiseta e o seguro para participar. A camiseta recóllese en cada concello no que o participante se inscriba. O mércores, día 22, remata o prazo para apuntarse.

Unha vez rematada haberá un pequeno concerto da violonchelista, Luísa Carneiro Canedo e a lectura do manifesto para a erradicación da violencia contra as mulleres. Para rematar farase un magosto ao que están invitados todos os participantes.

Actividades nesta semana

Ademais da andaina hai outras actividades  e actos en marcha que xa comezaron dende onte luns e ata o venres. Para empezar os comercios, edificios de administración, os locais de hostalería, colexios, centros de saúde dos cinco concellos teñen en exhibición as camisetas “Valdeorras en negro” como manifestación de repulsa da violencia machista.

Por outra parte o venres, día 24,  ás 12 do mediodía haberá en diferentes lugares destes 5 concellos a lectura do manifesto de eliminación da violencia machista.

Obradoiros e xornadas en Vilamartín para nenos e pais

O obradoiro “A violencia de xénero no contexto Dixital” celebrarase na mañá do venres no colexio Manuel Folla Respino de Vilamartín. Os rapaces deste centro educativo recibirán información sobre o acoso en redes sociais e a violencia neste ámbito dixital. Xa pola tarde no Centro Vía Nova haberá unha xornada dirixida aos pais e nais “Uso seguro e saudable das tecnoloxías por parte dos nenos e nenas”. A cita será ás 19 horas.

 

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.