O artista de Córgomo, Anxo Baranga, foi nomeado Irmán Maior da Irmandade do poeta Florencio Delgado Gurriarán : “é moi simbólico que sexa a poesía o que nos xunte”

17.11.17.- Hai uns meses púxose en marcha un proxecto cultural na comarca de Valdeorras para demandar o Día das Letras Galegas 2018  para o poeta de Vilamartín, Florencio Delgado Gurriarán. Este movemento cultural,  integrado por xente dos concellos de toda a comarca de Valdeorras e o IEV (Instituto de Estudios Valdeorreses)  conta con varias actividades de promoción e entre elas está a creación dunha Irmandade de Florencio. Esta irmandade quere recordar as reunións e actividades dos vellos casinos de comezos do século XX focos de cultura e de debate.

No proxecto inicial explicaban que estaría formada esta Irmandade por figuras destacadas que apoiaran o proxecto e se creara un corpo de embaixadores do mesmo. Á fronte da Irmandade estaría un Irmán Maior ao que se lle recoñecería o seu traballo e esforzo na divulgación da figura do poeta de Córgomo. O pasado día 7 de novembro diante da Casa do Pobo de Córgomo fíxose realidade a creación desta Irmandade. O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, asistiu ao acto e foi nomeado membro da Irmandade e tamén se daba a coñecer que o artista de Córgomo, Anxo Baranga, era o irmán número 1 da entidade, o Irmán Maior.

Este artista foi impulsor no ano 2001 dunhas xornadas de teatro en Córgomo para reclamar a figura de Florencio que se celebraron varios anos seguidos. Ante o nomeamento  está moi agradecido e orgulloso e “faime graza o nome” tal e como indica.

Pregunta- Como se sinte sendo o “Irmán Maior”?

Resposta- Faime graza o nome, pero sobre todo orgulloso de todo o que se leva feito dende o 2001 cos veciños de Córgomo nas xornadas que se crearon co nome de Florencio e que no verán reunían a moitos veciños da comarca no noso pobo para ver as actuacións que montábamos, para ver a todos os grupos que viñan. Os veciños volcábanse nesas xornadas e son un gran recordo. Tamén moi orgulloso do que levo feito en Barcelona co departamento de Filoloxía Galaico-portugués da Universitat de Barcelona, co Centro Galego da cidade e co grupo de teatro Furafollas e outras entidades tanto galegas como catalanas. A partir de todo aquel movemento que empezamos para reclamar a figura de Florencio Delgado creáronse grupos de teatro na comarca que hoxe están activos e síntome moi contento. Agora con este proxecto de reclamar o Día das Letras Galegas para Florencio  sinto unha alegría moi grande que a xente da comarca se una para loitar por el. Este é un día histórico ( 7 novembro) porque despois de tanto tempo que parecía que todo se desinflara como un suflé que xurda un proxecto cultural deste tipo para min é unha alegría moi grande. É fantástico e moi simbólico que sexa a poesía o que nos xunte. Síntome máis valdeorrés, de Córgomo da terra de Florencio.

Pregunta- Que ten que facer no seu cargo?

Resposta- Colaborar en todo o que poida para seguir difundindo a figura de Florencio. Vaise crear un premio literario que me parece moi bo proxecto e tamén me alegro de que a Deputación apoie este movemento cultural.  Así poderanse facer cousas e darlle publicitar a zona e a figura de Florencio. Así os académicos verán que hai movemento na comarca e terán que ternos en conta. Todo isto a min persoalmente dáme novos impulsos para facer cousas e colaborar en todo o que poida.

Pregunta- Pensaba no 2001 cando comezabades a reclamar a figura de Florencio coas xornadas de teatro en Córgomo que se tardaría tanto en poder lograr un Día das Letras Galegas para el?

Resposta- Pois a verdade é que non pensei que fora tan difícil. Penso que o partidismo ten moito que ver en dividirnos en parcelas e non unirnos. No 2001 a idea era empezar un proxecto cultural e agora xa o daba por perdido, pero co impulso destas novas iniciativas danme moita alegría e ganas de facer cousas.

    

Foto do acto do día 7 de novembro en Córgomo co presidente da Deputación presente.

 

Últimas xornadas de teatro en Córgomo no ano 2013, 24 de xullo

 

Acto lembranza vitimas accidente de Angrois (xullo 2013) diante da casa de Anxo Baranga en Córgomo

Foto actual de Anxo Baranga das súas redes sociais

 

 

 

 

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.