06.03.18.- A deportista referencia no atletismo español, Eva Arias, en colaboración co Concello de Vilamartín está organizando unha actividade deportiva para este xoves día da Muller. Sairá correndo dende Petín e parará en A Rúa e Vilamartín para chegar ao Barco antes de que comece a manifestación das oito da tarde. Nese percorrido recollerá en cada Concello lazos nos que se escribirán frases relacionadas coa defensa dos dereitos das mulleres. Todos os que recolla entregaraos á persoa encargada da manifestación da vila barquense para que despois sexan lidos durante a marcha. A atleta con raíces en San Miguel de Outeiro, especialista nos 1.500 e 3.000 de obstáculos e máis de 14 veces medallista en Campionatos de España, quere aportar o seu grao de area aos actos do Día da Muller na comarca de Valdeorras.
Horario e paradas da carreira
O percorrido empezará ás 17:30 do xoves diante do Concello de Petín. Alí recollerá os primeiros mensaxes escritos en lazos e partirá para chegar ás 17:50 horas ao Concello da Rúa. Ás 18 horas sairá cara Vilamartín para chegar ás 19 horas. Unha vez no seu Concello procederase á lectura do manifesto do Día da Muller e a recollida dos correspondentes lazos. Sobre ás 19:20 horas sairá de novo para chegar uns minutos antes das oito da tarde ao Barco e facer alí entrega de todas as mensaxes recollidas polo camiño.
Invitación a acompañar no percorrido a Eva Arias
A atleta valdeorresa invita a todos aqueles veciños destes concellos a que escriban mensaxes en lazos, para entregarllos nas paradas marcadas, e que tamén se unan ao seu percorrido ben correndo ou en bicicleta. “Será un xeito de participar e acompañarme neste acto” explica Eva Arias.