A Deputación colaborará para mellorar varias infraestruturas no Concello

06.07.17.- O financiamento para o arranxo da estrada de San Vicente, a obra de saneamento feita en Surregos, a praza de Cernego e o arranxo das estradas de Correxais e Cernego  foron os temas relacionados con infraestruturas dos que se falaron na entrevista que onte mantivo o alcalde, Rique Barreiro co presidente da Deputación, Manuel Baltar. O rexedor destaca sobre  todo a boa dispoñibilidade e a apertura a colaborar por parte do dirixente desta entidade provincial para mellorar varias infraestruturas de Vilamartín. Calificou a reunión de frutífera  e agradeceu o compromiso tanto en obras xa feitas como en outras futuras que se precisan en varios pobos.

Novo trazado da estrada de San Vicente

No pleno do mes de xuño a Deputación de Ourense aprobou o proxecto de trazado desta estrada tantos anos reclamada. O alcalde, Rique Barreiro, agradeceu ao presidente da Deputación o cumprimento do compromiso adquirido por escrito hai uns meses. Na reunión de onte, Manuel Baltar, indicou que nos próximos orzamentos haberá unha partida dedicada a poñer en marcha estas obras. Tendo en conta os posibles retrasos causados pola apertura do prazo de exposición ao público e a presentación de alegacións así como o tempo de alegación das mesmas. A obra total terá unha inversión de 13 millóns de euros que se fará en varias fases.

Estradas de Cernego e Correxais con compromiso de arranxo

As estradas de Cernego e Correxais atópanse en mal estado. O alcalde busca un xeito de poder arranxalas neste ano ao non ter fondos propios para asumir a obra. Na reunión con Baltar propuxo que a Deputación faga os traballos por adiantado e despois o Concello págueas incluíndo partidas nos orzamentos dos próximos anos. O presidente do organismo provincial non rexeitou a idea e pediu un informe técnico que xustifique a urxencia dos traballos.

Outros traballos financiados

No referente ao pobo de Cernego tamén se falou dos 9.000 euros invertidos pola Deputación ourensá no arranxo da praza e tamén a concesión de 17.500 euros para a construción dun muro en Correxais que non se puido facer por falta de dispoñibilidade de terreos. Este financiamento investiuse finalmente para o arranxo  do saneamento, abastecemento e mellora do firme na zona de Surregos (zona de Córgomo).O responsable da Deputación informou que nos próximos presupostos irá unha partida para cubrir esta inversión do Concello e hai un compromiso por escrito para que se ingrese o diñeiro no mes de xaneiro do ano que ven.

Financiamento para a posta en valor de Florencio Delgado Gurriarán

O fomento da posta en valor da obra do poeta de Córgomo e a petición dun Día das Letras Galegas tamén foi obxecto de conversa nesta reunión de traballo. O presidente da Deputación comprometeuse  a aportar uns 35.000 euros para as actividades que están levando a cabo varios concellos da comarca valdeorresa. Manuel Baltar solicitou a presentación dun escrito asinado por todos os concellos participantes nesta promoción.

 

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.