Os empresarios de Arcos, Córgomo e Valdegodos terán que decidir entre aportar diñeiro para a nova depuradora ou xestionar as súas propias augas residuais

24.01.19.- O Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga Díaz, visitou onte o Concello de Vilamartín para coñecer de primeira man a situación das augas residuais na zona de Arcos e arredores. O presidente comprometeuse a poñer en marcha un informe técnico para saber que tipo de sistema de depuración se debe instalar na zona para que sexa efectivo. A inversión económica será distinta dependendo das necesidades de depuración. Un dos temas a decidir, unha vez feito o informe, será como se fará a xestión das augas residuais industriais: aportando diñeiro os propios empresarios para esta obra ou que sexan eles os que depuren os seus residuos antes de verter ao colector xeral.

O alcalde, Rique Barreiro, explicou que o seu grupo de goberno leva 8 anos tentando solucionar a situación da falta de depuración das augas residuais de Arcos e o colector que chega a esta poboación coas augas de parte de Córgomo, Baxeles e Valdegodos. Agora indica que “parece que temos o problema encouzado e unha vez que o proxecto estea feito teremos temas a decidir”. Un dos importantes será como xestionar as augas residuais industriais. Planteanse dúas situacións: por un lado que os empresarios do mundo do viño, pedra e hostalaría que están conectados ao colector desta zona fagan aportacións económicas para construír unha depuradora con capacidade para todos os residuos. Por outra parte tamén poderán decidir xestionar cada un as súas augas e despois vértelas ao colector xeral xa depuradas.

Ubicación da nova depuradora

Unha vez que se saiba o tipo de depuradora que se precisa o outro tema a decidir será a ubicación da mesma nunha zona de Arcos que non sexa inundable. Para ese cometido o concello terá que lograr os terreos para a nova edificación.

Antecedentes

Os problemas de depuración das augas de Arcos comezaron na poboación cando a fosa séptica construída en zona inundable quedou destruída nunha enchente do río Sil. O anterior grupo de goberno decidiu conectar un colector xeral a esta mesma zona coas augas de parte das poboacións de Córgomo, Baxeles e Valdegodos. Zonas nas que hai varias empresas do mundo do viño, pedra e hostalería que aumentaron o traballo do colector. Dende hai 8 anos o grupo de goberno socialista intenta solucionar o problema.

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.