As Mulleres Rurais de Córgomo recadan fondos para a investigación da Biopsia Líquida para detectar tumores

02.03.17.-Asociación Mulleres Rurais de Córgomo están poñendo en marcha unha campaña para recadar fondos para axudar a levar a adiante o proxecto de Biopsia líquida unha técnica experimental que permite saber en 24 horas, e cunha análise de sangue, o estado no que se atopa un tumor. Este proxecto estano tentando poñer en marcha dende  o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) que está dirixido polo vilamartinés, Rafael López.  Este especialista, co seu grupo, puxo en marcha unha campaña pioneira para recadar fondos e conseguir avanzar no desenvolvemento desta técnica para loitar contra a enfermidade do cancro.

A asociación de Mulleres Rurais de Córgomo quere axudar nesta campaña e cos seus propios fondos compraron un xamón ibérico e imprimiron 10 talonarios de 50 papeletas, cada un, que venden ao prezo de 2 euros cada unha. Explican que elas ofrécenas aos compradores como a oportunidade de “colaborar con 2 euros na investigación dunha proba para detectar o cancro”.  O grupo de Oncomet mandou folletos informativos desta investigación que están levando a cabo e elas entrégana para que os posibles compradores das rifas vexan que todo está en orde.

Se conseguen vender todas as rifas recadarán 2000€ para esta campaña na que se precisa chegar aos  500.000 euros antes do 11 de abril.  Na actualidade en toda Galicia van recadados uns 180.000 euros.  O sorteo do xamón das Mulleres Rurais de Córgomo será o próximo día 7 de abril co número da lotería da ONCE. O gañador será o posuídor da papeleta que coincida coas tres últimas cifras do primeiro premio da ONCE.

O grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago aspira a reunir medio millón de euros facendo un chamamento a toda a sociedade galega nunha campaña de financiamento colectivo (micromecenazgo ou crowfounding). Queren colocar a Galicia como referente nacional e europeo neste campo da investigación médica.

6.000 euros do Concello de Vilamartín para actividades e doazón

O Concello de Vilamartín vai colaborar con esta campaña da Biopsia Líquida con 6000 euros. Unha arte vai como doazón directa, uns 4.000 euros, e o resto queda para facer actividades de promoción para que a xente faga aportacións. Entre elas están pensando en facer unha andaina entre Arnado, Correxais e Fervenza, unha ruta circular. Os que queiran participar  poderán colaborar comprando unhas rifas coas que se sorteará  un xamón. Estas actividades daranse a coñecer na próxima semana con datas e horarios .

Galego
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.