As obras das piscinas municipais executáronse con fondos propios do remanente de tesouraría

19.08.18.- Neste verán as piscinas municipais non puideron estar abertas ao inicio da tempada pola orde de peche que Sanidade impuxo ata que se fixeran as obras necesarias no recinto. As piscinas abríronse ao público ao comezos do mes de agosto unha vez feitas as remodelacións tanto na zona de vestiario e baños como nos propios vasos contedores da auga. As obras tiveron retraso porque se estivo agardando subvencións que finalmente non chegaron e o concello decidiu botar man dos fondos do remanente de tesouraría para poder executalas. En total nestas instalación gastáronse 45.000 euros por un lado e 23.000 euros por outro.

Novo recubrimento nos dous vasos das piscinas

Os 45.000 euros da primeira parte das obras de acondicionamento investíronse en recubrir cunha membrana illante os dous vasos contedores da auga, tanto na zona de adultos como dos pequenos. Ademais na praia perímetral aplicáronse pinturas para evitar caídas. Un traballo que está pendente de rematar para poder asegurar toda a zona moito máis tempo.

Cambio de tellado nos vestiarios e baños

Os seguintes 23.000 euros investidos nestas instalacións foron para retirar o tellado antigo con placas de fibrocemento e a construción dunha placa de formigón con columnas que ademais se aproveitou para cubrir tamén a zona de entrada ao recinto. Tamén se acondicionou o interior dos baños e vestiarios con pintura e repuxéronse pezas de mobiliario que faltaba. Agora falta a pintura exterior que se fará máis adiante con outras partidas económicas de obras que non forman parte do remanente.

   

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.