15.02.19.- O pleno de Vilamartín aprobou onte por unanimidade unha moción na que se pide a derogación da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia. Ademais solicitaron dotar de maiores recursos e persoal aos centros médicos e ao hospital comarcal. A sesión plenaria extraordinaria tamén fixo repaso aos traballos levados a cabo durante o 2018 en cada concellería. Todos os concelleiros tiveron palabras de agradecemento durante os seus repasos aos voluntarios que aportaron a súa colaboración en varios traballos do concello e en protección civil.
A moción presentada polo grupo municipal socialista relativa ao desmantelamento do Hospital comarcal e a desatención profesional nos centros de atención primaria, foi aprobada polos concelleiros do grupo de goberno e tamén polo edil da oposición, José Pinto. A petición faise despois de explicar na moción o deterioro do servizo, a falla de especialistas, o colapso do servizo de urxencias e o déficit de especialistas no hospital comarcal e centros de saúde.
Asistentes do grupo socialista ao pleno do día 14 de febreiro
Repaso aos traballos de cada concellería
- Sanidade, Asuntos Sociais e Participación Cidadá
Na sesión extraordinaria empezouse facendo un repaso dos traballos realizados en cada concellería durante o ano pasado. O primeiro en intervir foi o concelleiro, Pablo Deramond, sobre o traballo realizado nos departamentos de Sanidade, Asuntos Sociais e Participación Cidadá. Destacou as xestións para lograr o mantemento da praza de médico no centro de saúde e tamén os trámites para que este edificio pase a ser de titularidade do Sergas. Deste xeito o concello aforraría custes de mantemento, destacou Deramond que no 2018 xa se logrou a devolución de 14.000 € dos custes dese exercicio. Tamén incluíu no seu repaso os controles sanitarios de auga e as subvencións á entidades que o solicitaron para actividades diversas. O concelleiro fixo mención especial ao traballo do voluntariado en traballos como a atención á biblioteca (Amancio Delgado), e na recepción do concello: Ana Mª Valiño e Gonzalo Quinteiro. Así como todos aqueles que participan no Vilaverán e Vilanadal. No apartado de Asuntos Sociais destacou os 130 novos expedientes do ano pasado e as 929 intervencións do ano con 5 auxiliares traballando.
Outros temas dos que tamén fixo repaso foron:
- Curso de RCP
- Taller de envellecemento activo
- Axuda por nenos nados no concello: 600 €
- Gardería obras de acondicionamento e ampliación de 14 a 20 prazas: 38.000 €
Gonzalo Quinteiro na súa labor na recepción do concello na actualidade
2. Cultura e Educación
A Concelleira de Cultura e Educación, Amparo Rodríguez, foi a encargada de facer repaso ao traballo do seu departamento centrándose nas actividades para os máis pequenos durante o verán no Vilaverán e no Nadal co Vilanadal. Tamén lembrou as exposicións como a de Xesús Díaz Ferrer, a de Lolo Zapico e a participación no Proxecto Florencio Delgado Gurriarán. O Camiño de inverno e a súa promoción foi tamén parte do traballo do seu departamento. Así como o Desfile de Folións, o Entroido e as Festas de San Xurxo. Tamén a participación na Bacofesta e os contacontos nas residencias de anciáns.
3. Deportes
A concelleira Eva Arias enviou un escrito ao pleno que leu o rexedor, Rique Barreiro, no que resumiu a extensa actividade deportiva para todas as idades. Destacou as clases de zumba, pilates, Ioga que se fan no Centro Santa Lucía e as de fútbol sala no pavillón. Así como a colaboración con actividades como a Pilgrim Race, a travesía a nado de Valdeorras e a andaina do Páncreas. Tamén falou da dotación de material deportivo e os arranxos nas instalacións deportivas da vila. Non deixou de facer referencia e agradecer a todos os voluntarios que aportaron o seu tempo e traballo en todas as actividades.
4. Obras
O momento ao repaso das obras feitas no ano 2018 correu a cargo do alcalde, Rique Barreiro. Foron traballos feitos con fondos propios do concello e con aportacións da Deputación de Ourense (Plans Provinciais) e do Plan Marco 2017. O rexedor quixo subliñar a redución da débeda do concello dende que empezou a lexislatura que estaba nos 900.000 euros e que ao remate da mesma estará nos 170.000 euros. O aforro e a boa xestión dos fondos permitiu, segundo explicou Barreiro: “ter ata remamente de tesourería para poder investir en obras”.
Entre todas as obras do 2018 fixo referencia a:
- Acondicionamento e saneamento da Praza de Rodeleira
- Instalación de válvulas de presión para solucionar avarías e perdas de auga
- Arranxo de depósitos de auga de Vilamartín, Cernego
- Melloras na captación de Valencia do Sil.
- Canalización de auga de Valdegodos e Arcos
- Beirarrúas e acondicionamento de viais en Córgomo, San Xulián, San Vicente
- Arranxos nas piscinas
- Acondicionamento do albergue de peregrinos
- Obras no antigo edificio da Cruz Vermella xunto a un taller de emprego
Foto da esquerda: Alcalde Rique Barreiro no pleno de onte
Foto da dereita: único concelleiro da oposición, José Pinto