Un proxecto de construción dunha pista perimetral no pobo de Correxais funcionaría como cortafogos

31.07.17.- O incendio que afectou na fin de semana á zona de Valencia do Sil e Correxais fai lembrar a necesidade de manter limpas as fincas preto das vivendas e tamén un proxecto de hai un par de anos, precisamente, para o pobo de Correxais. A idea era a construción dunha pista de terra que rodearía toda a poboación e que fixera tanto de cortafogos como de zona de paso para facerlle fronte a un incendio. O proxecto non foi adiante pola falta de entendemento con algúns veciños para ceder terreos que se necesitaban para este tema.

O lume que empezou na noite do sábado, día 29 de xullo, na zona de Valencia do Sil subiu rapidamente cara o pobo de Correxais. Isto provocou que a Garda Civil tivera que avisar aos veciños e mantelos en alerta ante a posibilidade de desaloxo da zona. Moitos veciños non agardaron a que isto puidera pasar e saíron do pobo de madrugada. Os servizos de extinción, nos que estaban tamén os voluntarios de protección civil da nosa vila, fixeron fronte ao lume pero os camións grandes non entraban polo pobo. Polo que cos medios municipais surtiron de auga a outros que si puideron entrar de menor tamaño. Con eles  metéronse polas rúas e coa axuda dos veciños puideron traballar contra o lume.

Agora pasados os momentos de tensión o grupo de goberno está pensando en retomar aquel proxecto e volver falar cos veciños para tentar convencelos da necesidade desta pista. O rexedor, Rique Barreiro, explica que tamén se porá en contacto con concellos veciños para colaborar e poder poñer en marcha proxectos similares onde sexan precisos. Indica que “cada día os pobos teñen menos veciños e os que están son maiores, a limpeza das fincas é necesaria e todos temos que buscar solucións, veciños e administración”. Indica que os concellos pequenos están limitados para asumir moitos gastos polo que para pedir axuda tamén pensa en solicitar entrevistas con representantes de deputación, Medio Rural chegando a falar si é preciso coa conselleira.

 

      

NOTA: PREMENDO ENRIBA DAS FOTOS FANSE MÁIS GRANDES

 

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.