Esta semana estamos a piques de celebrar o San Xurxo na nosa vila. Isidro García Tato tivo a ben escribir unha gran información sobre o Camiño de Inverno para o programa de festas e queremos facelo público na nosa web porque no programa non puido entrar por causas alleas á comisión de festas.
27.02.18.- O artista berciano Lolo Zapico ten unha exposición onde as temáticas rurais e a súa relación co Camiño de Inverno son as protagonistas. Este traballo que xa estivo exposto no Castelo de Cornatel e no Museo da Enerxía de Ponferrada, chega agora á Vilamartín para quedarse dous meses. É unha actividade organizada coa colaboración do Concello de Vilamartín e a Asociación de Concellos do Camiño de Inverno.
02.02.18.- O Concello de Vilamartín, que ocupa a vicepresidencia da Asociación de Concellos do Camiño de Inverno, recibiu esta semana ao resto de socios para continuar na montaxe desta nova entidade. Na reunión, celebrada o luns 26 de xaneiro, estiveron presentes alcaldes e representantes de 19 dos 23 concellos asociados entre Galicia e o Bierzo.
17.01.18.- Hoxe na Feira de turismo Fitur en Madrid houbo un acto de promoción do Camiño de Inverno onde estiveron presentes alcaldes da recentemente constituída Asociación de Concellos do Camiño de Santiago. O Concello de Ponferrada decidiu dedicar unha parte do seu stand promocional ao Camiño de Inverno para que todos os visitantes teñan a oportunidade de coñecelo nesta feira internacional de turismo.
20.07.17.- Mañá venres, día 21, o Concello de Vilamartín acollerá a chegada da sétima etapa da proba deportiva en bicicleta de montaña, Gaes Pilgrim Race. Esta actividade partía o domingo, 16 de xullo, dende Madrid e durante esta semana percorreron unha gran parte dos 725 quilómetros por rutas marcadas seguindo Camiños de Peregrinación que repartiron en 8 etapas. A sexta etapa percorrerá parte do Camiño Francés e entrará en Galicia polo Camiño de Inverno.
23.10.16.- A comarca de Valdeorras e o Concello de Vilamartín foron protagonistas este sábado, día 22, da III etapa do Camiño de Inverno que organizou a Asociación del Camino de Invierno a Santiago por el Bierzo. A III etapa desta particular peregrinación, para promover esta ruta xacobea, realizouse entre a localidade de Puente de Domingo Flórez e Vilamartín.
28.09.16.-Esta semana iniciáronse novos traballos para abrir dous viais de terra na zona doa área recreativa do Bañadoiro. O obxectivo é mellorar o trazado do Camiño de Inverno ao seu paso por este concello. Dende o consistorio teñen coñecemento do incremento de peregrinos que están usando esta ruta para chegar a Santiago. Con esta obra, que se acaba de iniciar, terán un camiño marcado e reservado para eles. O Concello de Vilamartín aproveitará as obras e tamén construirá un vial para o paseo con bicicletas pola zona.