Instalado un desfibrilador para axudar en paradas cardíacas no pavillón municipal do Bañadoiro

14.02.17.-  O Concello de Vilamartín xa ten un espazo cardioprotexido no pavillón municipal do Bañadoiro onde está situado un aparello desfibrilador. Este sistema  foi comprado polo concello e subvencionado ao 50 por cento pola Deputación de Ourense. Para aprender a utilízalo a Concellería de Deportes puxo en marcha un curso no que participaron 8 persoas. Esta aprendizaxe fíxose no mes de decembro por persoal de Ambulancias Sil.  Os participantes neste curso aprenderon como funciona o aparello e como actuar nun momento dunha parada cardíaca onde o tempo de actuación é primordial para salvar unha vida. A concelleira de Deportes, Eva Arias, indicou que ademais deste curso faranse outros de reciclaxe anuais, para a xente que xa participou neste, e tamén están pensando en facer máis cursos para ampliar o número de persoas que saiban manexar o aparato. Contou que tan importante como telo é saber como manexalo para poder actuar correctamente nunha situación de emerxencia.  

Ademais deste sistema o concello completou este servizo comprando e colocando unha Unidade de aporte extra de osíxeno  para axudar á persoa a respirar mellor, unha vez feita a reanimación, e mentres agarda por unha ambulancia.

Recoller os diplomas no concello

Os oito asistentes ao curso poden recoller o seu diploma nas dependencias da casa consistorial. O concello está valorando seguir formando a máis persoas, ata un máximo de 20, para que exista máis xente preparada que saiban utilízalo nun momento tan vital na vida dunha persoa.

Que son os espazos cardioprotexidos?

Un espazo cardioprotexido é aquel lugar que dispón dos elementos necesarios para asistir a unha persoa nos primeiros minutos despois dunha parada cardíaca, entre eles o desfibrilador externo semiautomático. A única maneira de conseguir unha maior supervivencia é un tratamento axeitado e rápido das vítimas a través dunha correcta Resucitación Cardiopulmonar (RCP), e por tanto a necesidade dun aceso rápido e fácil aos Desfibriladores Externos Semiautomáticos (DESA). Este aceso público á desfibrilación, realizado por persoal non sanitario capaz de asistir a unha vítima, nos primeiros minutos trala parada cardíaca, é fundamental para aumentar as probabilidades de éxito da reanimación.

Galego
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.