A instalación de válvulas de redución de presión permitirán aforrar auga e avarías na rede de abastecemento

26.01.18.- Esta semana iniciáronse os traballos de instalación de válvulas redutoras de presión no depósito de auga que abastece a Vilamartín pobo (centro urbano). Este sistema permite reducir a forza da presión coa que baixa a auga dende o depósito vello á rede de abastecemento. Deste xeito con menos presión rebaixarase o nivel de avarías que se viñan producindo por esta causa nas tubaxes vellas de fibrocemento. A rede de abastecemento ten máis de 40 anos e coa presión que saia do depósito, producíanse numerosas avarías. Co asesoramento de técnicos de Aqua Ourense fíxose un estudo e probas e chegouse a esta solución que agora se pon en marcha.

Baixar presión e medir fugas de auga na vila

A rebaixa de presión non vai reducir o caudal de auga que abastece ao centro urbano e ao mesmo tempo vai permitir saber onde se producen fugas. A medición do gasto de auga farase coa instalación dunha segunda válvula deste tipo na parte baixa da vila e un contador. “Estase gastando ¾ partes de auga máis do que realmente se precisa para os 600 veciños que somos neste centro urbano” explica o alcalde, Rique Barreiro. O rexedor explica que na segunda válvula haberá un sistema de medición co que se saberá onde se vai a auga, “xa que hai xente que rega as fincas coa auga de consumo humano e non o podemos permitir, sobre todo cando hai seca e falta de auga” engade Barreiro.

Abastecemento co novo depósito e rede para o futuro parque empresarial

Ata o momento hai funcionando dous depósitos para o centro urbano pero este sistema vai cambiar en breve cunhas obras. Deixarase funcionando o novo depósito para o abastecemento da vila e o vello quedará de reserva para momentos de emerxencia. Ademais na Rúa O Caño faranse obras para substituír as tubaxes de fibrocemento e ao mesmo tempo xa quedará feita a obra de conexión para poder levar auga á futura zona industrial da Sobreira. Esta obra porase en marcha unha vez concedida unha subvención que se solicitou.

          

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.