O Concello mellorará o servizo de auga de consumo en Arcos, Valdegodos e Vilamartín centro

02.06.17.- Na sesión plenaria celebrada o día 1 de xuño,  a corporación aprobou por unanimidade a adhesión a  un convenio coa Deputación para a prestación de asistencia na xestión das instalacións de produción e distribución de augas de consumo humano.  O principal obxectivo deste convenio é contar co asesoramento e vixilancia dunha empresa para mellorar a calidade da auga nas estacións depuradoras de Arcos-Valdegodos e Vilamartín centro. O traballo consistiría na vixilancia continúa durante un ano destes sistemas de depuración e a axuda ao Concello para poder facer reparacións e evitar fugas de auga. “Nunha primeira análise os técnicos xa falan de que un 70% da auga que entra nos depósitos estase perdendo e non sabemos por onde”, explicou no pleno o alcalde, Rique Barreiro. As perdas de auga, por diferentes motivos,  son importantes e tamén as avarías pola gran cantidade de tubaxe de fibrocemento que aínda existen na vila. O alcalde lembrouno na sesión plenaria contando que “a presión é moita e rebentan”.  Poder contar co asesoramento de especialistas permitirá que o concello poida facer as reparacións con máis efectividade. Esta nova asistencia  cun custe de 9.900 €/anuais tamén incluirá o asesoramento para o control de cloro e para a limpeza de depósitos.

Aprobada moción para pedir axudas para o sector vitivinícola polas xeadas

Na sesión plenaria o grupo municipal do P.S. de G. PSOE presentou unha moción na que se solicita a creación dunha serie de axudas e outras peticións para paliar os efectos das xeadas dos días 26 e 27 de abril na comarca de Valdeorras. Fixeron referencia  a que unhas 743 hectáreas están afectadas polas xeadas segundo un informe do Consello Regulador e que as perdas poden chegar a uns 6 millóns de euros en perdas. A moción foi aprobada por unanimidade engadindo que o Concello intente facer algunha xestión para poder axudar aos viticultores.

No apartado de rogos e preguntas o concelleiro, José Pinto, de Alternativa veciñal, único asistente ao pleno por parte da oposición, preguntou por varios temas relacionados coa limpeza de rúas, parques e fosas sépticas. O rexedor respondeunas poñendo ao día estes e outros traballos que se fixeron de limpeza durante as últimas semanas en Portela, Córgomo, Arnado e Penouta.

Momento da votación no pleno do día 1 de xuño

Galego
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.