Obras en activo ao rematar o ano no Bañadoiro, Córgomo e Cernego

30.12.16.- O Concello ten en marcha a finalización de obras que empezaron este ano en distintos pobos. Son obras financiadas, todo ou parte, con fondos municipais e que axudan a mellorar os espazos de convivencia dos habitantes de cada pobo.  Neste caso a segunda fase das obras no pobo de Cernego e a zona de O Bañadoiro son as que ocupan os últimos días do ano.

 Praza de Cernego e edificio da Cruz Vermella

No verán comezouse esta obra que agora ten continuidade para que os veciños teñan unha praza ampla onde antes case non había espazo. Esta obra puido facerse grazas á colaboración veciñal para o derrube de varias casas. Os materiais en bo estado destas casas, tales como vigas e pedra, están sendo reutilizados noutros lugares como a restauración do vello edificio da Cruz Vermella.

Paseo O Bañadoiro

A balaustrada que se está facendo na zona do Bañadoiro tamén continúa nestes días. Os participantes no obradoiro de emprego están montando novos tramos de varanda de pedra e acondicionando o chan das zonas rematadas para converter a zona nun espazo acondicionado para o goce das vistas do río. Ademais esta é unha das zonas de paso do Camiño de Inverno para o que se está construíndo un paso de terra específico.

Rede de saneamento e abastecemento de Córgomo

O pobo de Córgomo estase sometendo a unha obra completa con cambio de colectores xerais, tubaxes de fecais, nas que tamén estaban metidas as pluviais, e as de auga de consumo humano. Esta obra conta con financiamento da Deputación de Ourense . Os traballos para renovar toda a rede con tubaxes individuais é unha prioridade do equipo de goberno socialista.

Recambio de luces led

O cambio das luces tradicionais por luces led en varias luminarias xa se empezou este ano e conseguiuse un aforro enerxético dun 70 por cento. O concello usa fondos propios para poder obter un consumo máis baixo no alumeado das rúas.

Un dos exemplos foi o cambio das lámpadas no pobo de Correxais.

Galego
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.