10.10.2016.- O Concello de Vilamartín colaborou na posta en marcha dun obradoiro de técnicas de realización de murais que permite deixar unha obra escultórica para a vila. Unha paisaxe de viñedos, montañas e dúas mulleres cargando cestos de uvas na cabeza conforman este mural que o escultor arxentino Carlos Moreyra realizou a través do obradoiro que impartiu nas últimas semanas de setembro no noso concello. Neste traballo tamén participaron o mestre Leonardo Corazza e a artista Laura Duben, xunto coas alumnas Carmen Álvarez e Carina Rodríguez.
A obra fíxose cunha técnica nova de mural coñecida co nome de esgrafiado e que segundo o autor non é habitual en Europa. O artista arxentino, orixinario de terras ourensás, quixo probala neste traballo en Vilamartín e quedou moi satisfeito.
O mural tivo un acto de inauguración o pasado día 8 de outubro ao que asistiu numeroso público. A obra está situada nunha das paredes do edificio das piscinas e pode verse libremente en calquera momento. Foron os propios asistentes ao evento os que decidiron que o mural se titulara “As uvas da vida”.
FOTOS DO TRABALLO PREVIO E INICIO DO MURAL
FOTOS DO ACTO DE INAUGURACIÓN O DÍA 8 DE OUTUBRO