Aprobada a Conta Xeral do 2015 e empezando a preparar os orzamentos do 2017

07.10.16.- O pasado 29 de setembro aprobouse en sesión plenaria a Conta Xeral do 2015 e esta semana foi publicada no boletín da provincia. A Conta  foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno socialista e co do concelleiro da oposición, José Pinto . Unha vez pasado este trámite e os 15 días de exposición ao público será remitida ao Consello de Contas. Na mesma sesión tamén se aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar facturas de obras feitas do exercicio anterior, co anterior grupo de goberno do PP,  despois de aprobada a Conta Xeral.

                     

Fosas sépticas en varios pobos: Valencia do Sil, Correxais, Penouta e programando a de Arcos

O equipo de goberno socialista xa anunciou que están empezando a pensar nas contas do ano que ven na que tentarán meter obras importantes como a fosa séptica de Arcos. Na sesión plenaria falouse do tema anunciando que se vai pedir axuda ás diferentes administracións “xa que se trata dunha obra importante porque non só é recoller os residuos deste pobo senón tamén da zona industrial e parte de Córgomo e Valdegodos”, explicou o alcalde, Rique BarreiroPolo momento o Concello  asumiu a instalación de novas fosas en Correxais, Penouta e tamén en Valencia do Sil onde están rematando as obras de instalación de 4 debido á situación desta poboación con respecto ao río Sil.

        

 Fotos da colocación de Fosas sépticas en Valencia do Sil

 

Unhas 70 fincas limpáronse para evitar incendios

No apartado de rogos e preguntas tamén xurdiron outros temas como  a información dada polo rexedor socialista sobre a limpeza duns 60 ou 70 fincas para evitar incendios. “ Cada semana saen do concello de 5 a 8 informes técnicos para poder facer eses traballos” contou Rique Barreiro, “un traballo que elabora a técnico que temos contratada e que facilita moito o traballo que teñen que levar a cabo os veciños nas súas fincas”. Eses informes tamén se elaboran para as árbores que están á beira de estradas, a 10 metros da mesma,  e que en caso de caer sobre o vial “o dono sería o responsable dos danos”.

 

Continuan co traballo na beirarrúa entre San Miguel e A Rúa

Na sesión plenaria explicouse que se está continuando co traballo de mellora deste novo paso que se abriu entre a zona de San Miguel e os límites coa Rúa. O alcalde, Rique Barreiro, contou que se está facendo un muro de cemento de contención para evitar derrubes entre a estrada e o novo paso de terra.

Esta semana mentres continuaban co traballo xa se puideron ver peregrinos usando o novo paso. 

Galego
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.