Completado o proceso para a cesión ao Sergas do Centro de Saúde e presupostos para o 2018 xa en marcha

01.12.17.- A corporación de Vilamartin celebrou a sesión plenaria do mes de novembro con sete puntos na orde do día. Entre eles os cambios no inventario de bens municipais e o inicio da cesión de uso gratuíta do edificio do Centro de Saúde á Consellería de Sanidade. Ademais o rexedor, Rique Barreiro, xa anunciou que están preparando os presupostos do 2018.

A titularidade do edificio do Centro de Saúde pasa a Consellería de Sanidade

A sesión plenaria empezou coa aprobación da acta da sesión anterior e unha modificación de crédito para atender temas relacionados con servizos sociais. Despois houbo dous puntos da orde do día na que se continuou co trámite para o traspaso da titularidade do edificio do Centro de Saúde á Consellería de Saúde. Un procedemento que xa se empezou no mes de setembro.

O edificio actual ten un almacén do Concello  no soto e o centro de saúde no primeiro andar. O Concello faise cargo dos gastos de mantemento, electricidade e calefacción de todo o edificio. Dende fai uns anos a Consellería de Sanidade estase facendo cargo destes edificios, pero ante as dificultades dos trámites dividiron en catro grupos este proceso. O  goberno de Vilamartín  parar aforrar custes, axilizou o proceso de cesión deste centro coa aprobación da cesión no pleno do mes de setembro. Agora continuou cos trámites cambiando o edificio a ben patrimonial e a aprobación por unanimidade do inicio da cesión de uso gratuíta ao Sergas.

Na sesión plenaria tamén se aprobou a creación de ficheiros de carácter persoal en cumprimento do artigo 20 da Lei Orgánica de Protección de Datos. O sistema farase a través dunha empresa especializada nestes temas.

Presupostos 2018 para febreiro

O rexedor, Rique Barreiro, indicou no apartado de rogos e preguntas que xa están traballando na elaboración dos presupostos para o 2018. “Cada concelleiro na súa área está traballando nelo e cremos que para febreiro poden estar dispoñibles” explicou Barreiro.

Ademais tamén informou que a redacción do proxecto do plan parcial para o parque industrial da Sobreira está xa adxudicado . Os arquitectos teñen catro meses para facelo. No próximo presuposto tentarase incluír o de Arcos.

 

Sin definir
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.