A Deputación comunica que as obras do novo acceso a San Vicente non poderán empezar antes do 2021

10.10.19.- A Deputación de Ourense comunica nun escrito que as obras do novo acceso ao pobo de San Vicente non poderán empezar antes do primeiro trimestre do ano 2021. A explicación está na serie de trámites que están en marcha dende este ano e que non rematarán antes desa data. Entre eles están as expropiacións, notificacións, recursos e redacción de proxecto. Toda esta información foi aportada dende o organismo provincial ao grupo provincial socialista que pediu información sobre o estado das expropiacións para a construción do acceso a San Vicente. A contestación indica que dende comezos deste ano a empresa adxudicataria está traballando neste tema. Explican que será neste mes de outubro cando a Xunta de Goberno Local fará o trámite de declarar a necesidade urxente de ocupación e de seguido xa se poderá notificar aos propietarios a data na que se levantarán as actas previas de ocupación dos terreos. Haberá prazo dun mes para os recursos e a continuación procederíase aos pagos e posteriormente á ocupación dos terreos.

Por outra parte tamén se informa que a adxudicación para a redacción  do proxecto construtivo foi formalizado no pasado mes de agosto e ten un prazo para levarse a cabo de 5 meses. Unha vez entregado seguiranse co resto dos trámites o que levará a que non se poida empezar os traballos ata dentro dun ano e medio aproximadamente.

Sin definir
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.