04.07.19.- A corporación municipal empezou o seu traballo e constituíuse a través de sesión plenaria celebrada esta semana. Ademais aprobouse a periodicidade dos plenos que serán cada dous meses ás 13:30 horas e fíxose público quen se encargará de cada concellería. A continuación presentamos cada concelleiro do grupo de goberno:
Concellería de Educación, Cultura e Facenda
A encargada deste departamento será Claudia Núñez quen ademais será a segunda tenente de alcalde e ocuparase de representar ao concello no Consorcio de Igualdade e no Consello Escolar do colexio Manuel Folla Respino.
Concellería de Sanidade e benestar social e Participación Cidadá
O responsable será José Luís Álvarez e tamén terá o cargo de primeiro tenente de alcalde. Desempeñando funcións de alcalde cando Rique Barreiro non estea presente por diferentes motivos.
Concellería de Deportes e tempo libre
Manuel Sánchez vaise facer cargo deste departamento para organizar a actividade deportiva do concello. Nestes días xa estivo moi activo coa carreira Gaes Pilgrim Race e a Volta Ciclista a Valdeorras.
Concellería de Medio Ambiente e Rural
Nun concello moi rural o edil, Gonzalo Quinteiro, terá moito traballo. No mesmo pleno desta semana aprobouse o Plan Municipal de prevención e defensa de incendios que ten entre outros temas pendentes a limpeza das zonas de risco preto de vivendas.
Concellería de Urbanismo, Obras e xestión interna
O primeiro edil, Rique Barreiro será o encargado da xestión deste departamento e tamén de ter participación no resto de concellerías. Tamén será o representante principal do concello en diferentes organismos provinciais e galegos. Na mesma sesión plenaria aprobouse unha dedicación exclusiva para o seu traballo cunha retribución anual de 39.167 euros dos cales uns 9000 serán para os pagos á Seguridade Social.