Petición de colaboración para dar cos saboteadores do Centro Social de San Vicente

20.11.19.- Dende hai varios meses a pechadura do Centro Social de San Vicente ven sufrindo varios danos que inhabilitan o uso do local e xeran gastos para o concello e os veciños. O Concelleiro de Benestar e Participación Cidadá, José Luis Álvarez, amósase preocupado e indignado pola mala fe coa que actúa o saboteador ou saboteadores. Dende fai unha semana hai colocados carteis polo pobo e no centro social no que se solicita a persoa ou persoas que fan os danos que deixen de facelo. Ao mesmo tempo solicítase colaboración cidadá para parar estes ataques a un ben público e que o culpable ou culpables paguen polos feitos.

O concelleiro, José Luís Álvarez, explica que xa se presentaron dúas denuncias no cuartel da Garda Civil da Rúa para tentar esclarecer os feitos. Os ataques á porta de acceso comezaron hai varios meses e incrementáronse dende o verán, no mes de xullo, repetíndose en outubro e novembro. A última vez a semana pasada o día 12, tendo que proceder ao cambio da pechadura o pasado venres. Introducen na pechadura obxectos que imposibilitan a súa apertura e xeran gastos de cambio da mesma. Dende o verán xa van tres pechaduras e o concelleiro apela á responsabilidade cidadá e lembra que “o que é de todos, tamén é meu, pero é tamén é de todos. Como é de todos, dalgunha maneira, todos pagamos os costos ocasionados, e todos sufrimos os trastornos que causan”·

Concelleiro de Benestar e Participación, José Luis Álvarez

 

Sin definir
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.