O premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán contará coa cantante galega Sés entre os membros do xurado

24.08.18.- O Concello de Vilamartín forma parte do proxecto “As Letras de Florencio” para lograr que ao noso gran poeta, Florencio Delgado Gurriarán,  se lle dedique un Día das Letras Galegas. Este ano estanse a facer varias actividades na comarca de Valdeorras para promover a súa figura e dala a coñecer. Entre elas está o Primeiro Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán.

Esta semana coñecíamos os compoñentes do xurado entre os que se atopa a cantante galega Sés (María Xosé Silvar). Apurade que hai 3000 euros en xogo e o prazo remata o 15 de setembro.

Tedes máis información en www.asletrasdeflorencio.gal

Os membros do xurado que nos comunican dende a organización son:

-Anxo Baranga, Irmán Maior do Proxecto  As Letras de Florencio é unha das persoas que leva máis tempo detrás de iniciativas culturais que pedían o recoñecemento para Florencio Delgado Gurriarán, a máis disto é pintor, escultor, contista e home de teatro.

-David Vázquez Álvarez, quizais o escritor máis completo que deu a terra de Valdeorras e o que aínda lle quedan moitas historias por contar. Primeiro foron as obras de teatro que preparaba para os seus alumnos e alumnas, logos os relatos, as historia para o público xuvenil, as novelas.

-Olga Novo, de terras luguesas, poeta e investigadora. Comezou a súa andaina poética con A Teta sobre o sol no 96 e seguiron Nós nus, A cousa vermella e con eles os premio e recoñecementos. Do lado do traballo poético está a labor de investigación e estudo da literatura, centrándose en figuras das letras galegas coma doutras literaturas.

-María Xosé Silvar, Sés.  Unha das grandes revolucións musicais do panorama galego actual, no ano 2011 saca o seu primeiro disco "Admirando a condición" ao que seguirán tres máis para neste ano voltar ao primeiro cunha re-edición máis coidada e persoal. Esta muller que comezou na música tradicional está a introducir ritmos novos sempre en lingua galega. A máis disto a faceta máis descoñecida da cantante é a súa formación en literatura e antropoloxía.

Hai 3000€ de premio agardando polo texto poético gañador, participa!!

  

 

Sin definir
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.