Un problema sanitario e de seguridade das instalacións, sen solucionar, impide a apertura das piscinas municipais

18.06.17.-O Concello de Vilamartín está tentando solucionar un problema sanitario e de seguridade das instalacións das piscinas municipais para que estas se poidan abrir ao público con todas as garantías para os usuarios. A entidade municipal, a pesar de ter as instalacións cedidas a unha empresa privada, segue sendo a  responsable ante un problema sanitario ou de saúde dos seus veciños no uso das piscinas. Isto leva a que este ano a súa apertura se retrase para que se solucionen os problemas que xa se detectaron nun informe emitido pola xefatura provincial de Sanidade o ano pasado, concretamente o 13 de setembro de 2016. Nese informe indicábase que  esas instalacións teñen un problema grave de ausencia de cloro na auga do vaso maior e tamén no dos nenos, ademais de deficiencias estruturais nas beiras da piscina que xa provocaron caídas o ano pasado. Estes dous temas e outros que están definidos por contrato de concesión, que remata en marzo do 2018, están sen poder comprobar si xa están solucionados ou non dende o ano pasado. A semana pasada un técnico do Concello non puido acceder ás instalacións, por negativa da empresa concesionaria,  para realizar un informe de cumprimento das peticións realizadas por Sanidade.

No informe indícase que entre as deficiencias a solucionar para poder volver a abrir están:

1.- Ausencia de Cloro na auga das instalacións..

2.- Ausencia de clorador no vaso Infantil.

3.- Deficiencias estruturais nas zonas perimetrais dos vasos. Ten que ter aplicado un material antideslizante. Ademais de ter problemas nos aseos e duchas

4.- Desperfectos na zona de peche da zona infantil

Tal e como solicita Sanidade antes da apertura das instalacións ao público, o Concello debe remitir con antelación e por escrito un informe con todos os problemas solucionados. Dende setembro do 2016 están notificadas todas as deficiencias para poder solucionalas. Para o Concello é prioridade  velar pola saúde e seguridade dos usuarios. O alcalde, Rique Barreiro e os membros do equipo de goberno, lamentan a situación da que non son responsables  e agardan que a empresa concesionaria  solucione o problema canto antes.  

  

Sin definir
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.