Vilamartín ocupa a vicepresidencia da recen creada Asociación de Concellos do Camiño de Santiago

23.11.17.- O alcalde de Vilamartin, Rique Barreiro, foi elixido esta semana como vicepresidente da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago. O acto de constitución desta nova entidade celebrouse en Ponferrada o pasado día 20 e a el acudiron representantes de 14 dos 19 concellos que xa amosaron a súa intención de entrar nesta asociación. Non acudiron máis porque a algúns deles fáltalles levar a pleno a súa adhesión, entre eles A Rúa e Monforte. E este trámite foi o que propiciou que Vilamartín fora designado para a vicepresidencia xa que o proceso estaba feito dende o verán e na reunión era o único alcalde de Valdeorras presente.  Xa que por parte do Barco asistiu a Concelleira de Turismo e precisábase ser rexedor para ostentar o cargo. A presidencia recaeu en Ponferrada, a tesourería en Quiroga e o resto de compoñentes serán vogais da directiva. Estes cargos serán rotativos e cambiaranse dentro dun ano.  

O alcalde de Vilamartin, Rique Barreiro, indica que “é moi importante estar todos unidos e poder chegar a subvencións para promocionarnos, hai que aprender do que pasa noutros camiños onde os concellos non chegan a entendemento e non se logran cousas, temos que tomar medidas, aprender e traballar todos xuntos”.

Unha vez constituídos terán novas reunións para falar co equipo da Fundación das Médulas,  encargados da secretaría técnica desta nova entidade, para coñecer as funcións de cada cargo.

As zonas nas que se divide a Asociación

Esta nova entidade non se divide polas comarcas xa formadas en cada zona senón que en algúns puntos une poboacións próximas. No proxecto inicial constan 24 concellos interesados dos cales 19 están en proceso de aprobación e 14 xa contan con todos os trámites feitos.

A división de traballo dos concellos será polo momento:

Bierzo: Ponferrada, Priaranza, Borrenes, Carucedo e Puente de Domingo Flórez.

Valdeorras: Carballeda, Rubiá, O Barco, Vilamartín e A Rúa.

Monforte: Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra de Brollón e Monforte.

O Saviñao: Ferreira de Pantón, O Saviñao, Chantada.

Deza: Rodeiro, Lalín, Silleda e Dozón.

Vedra: Vedra, A Estrada e Boqueixón.

 

Undefined
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.