02.02.18.- O Concello de Vilamartín, que ocupa a vicepresidencia da Asociación de Concellos do Camiño de Inverno, recibiu esta semana ao resto de socios para continuar na montaxe desta nova entidade. Na reunión, celebrada o luns 26 de xaneiro, estiveron presentes alcaldes e representantes de 19 dos 23 concellos asociados entre Galicia e o Bierzo. Entre os acordos adoptados están o establecemento das cotas anuais que pagará cada asociado anualmente e tamén para entrar a formar parte desta entidade. Ademais tamén foi tema de acordo a promoción do Camiño con actividades que se irán difundindo nos próximos meses.
A presidenta da Asociación e alcaldesa de Ponferrada, Gloria Merayo, indicou que un dos puntos a traballar proximamente é a obtención de axudas dos respectivos responsables de Turismo tanto en Galicia como en Castela e León. Falando de tema económico marcouse como cota de inscrición de novos socios a cantidade de 500 euros, ademais esta mesma cantidade será a que pague cada asociado anualmente para o mantemento da entidade.
Aloxamentos no Camiño de Inverno
Un dos temas que máis preocupa é a apertura de albergues en toda a ruta do Camiño de Inverno. Por parte do alcalde de Vilamartín, Rique Barreiro, recordou que o deste Concello poderá estar activo novamente no mes de xuño . O albergue de 46 prazas afrontará nestes meses unha remodelación para adaptarse á normativa. Aínda así lembrou que tanto “no Barco como na Rúa hai sendos albergues funcionando”.
Rique Barreiro destacou da xuntanza de alcaldes e representantes dos concellos membros a “gran harmonía entre todos e o bo ambiente que temos nos encontros”. Unha vez rematada a reunión os asistentes visitaron unha cova en Vilamartín e degustaron produtos típicos da zona.
Undefined