90 participantes na segunda Travesía a Nado Valdeorras disputada nas augas do Sil no Bañadoiro

25.08.16.-A segunda edición Travesía a Nado de Valdeorras celebrouse o pasado día 20 nas augas do río Sil entre O Barco e Vilamartín. Dúas das tres probas tiveron lugar en territorio de Vilamartín, na área recreativa do Bañadoiro, e reuniron a centos de persoas entre nadadores, acompañantes e público. 90 participantes tomaron a saída para completar os 2.525 metros do recorrido curto e os 5.050 metros do longo, puntuables para o XIII Circuíto Galego de Augas Abertas. Esta segunda Travesía a Nado de Valdeorras estivo organizada polo  A.D.A.S Swimming do Barco e colaboraron a Concellería de Deportes do Concello de Vilamartín, O Club Fluvial Barco e Protección Civil de Vilamartín, O Barco e Petín.

A celebración desta proba contou tamén coa colaboración doutras entidades como a Asociación de Coveiros de Vilamartín  que ofreceu unha pancetada e viño ao remate da proba. Outros colaboradores activos foron a Asociación Penas D´auga que aportaron unha alfombra de céspede artificial para a entrada e saída dos competidores. Tamén estiveron de patrocinadores: Ayasa Construcións, GMA Sport Nutrition, Iberdrola, Pazo do Castro,  O Consello Regulador de Deportes, Ambulancias Sil entre moitos outros.  A todos eles dende a Concellería de Deportes  agradecese o traballo  e colaboración para facer posible esta proba. 

Os resultados das probas

Tanto a proba de 2250 metros como  a de 5050 metros podían facerse con ou sen neopreno. Gaspar Andrade Budiño (C.N. Arzúa), foi o primeiro en recorrer os 5.050 metros da proba longa sen neopreno. En segundo e terceiro lugar chegaron Lucas Costa Fernández (C.N. Ponteareas) e Martín Carrera Costas (C.N. Ponteareas). As mulleres que chegaron nos tres primeiros postos nesta proba foron: Carla Goyanes García, de Vigo, Laura Rodríguez Novoa (C.N. Ponteareas) e Ana Veiga Souto (C. De Mar San Amaro), da Coruña. Paquito Fernández e Iván Raña foron os primeiros nesta distancia con neopreno.

Na proba curta, David Crespo González foi o primeiro en chegar, no segundo posto Sergio Picallo (C.N. Coruña),  e Marcos Martínez (C.N. Ponteareas), terceiro. Na categoría feminina Laura Costa Fernández (C.N. Ponteareas) foi a primeira en chegar á meta, María Ferreira González (C.N. Master Mos), segunda e Cristina Claviño (C.N. Ponteareas), terceira.

Entre os participantes de clubes locais os primeiros en chegar na proba longa foron: Eva Goicoechea do A.D.A.S Natación, Francisco Camba Rodríguez do Club Peña Trevinca Barco e Milagros Morena Aller tamén do Club Peña Trevinca. Con neopreno, os primeiros na distancia de 2525 foron Manuel Monroy, Javier Martín e Alejandro Pérez.

           

 

 

Galego
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.