09.05.17.-O Concello de Vilamartín de Valdeorras acolleu onte pola tarde a sinatura dun convenio de colaboración polo que se pon a disposición de Cruz Vermella unha vivenda nesta localidade para a atención de persoas refuxiadas ou solicitantes de asilo. Ao acto asistiron Rique Álvarez Barreiro, Alcalde de Vilamartín, Pablo Alberto Deramond, tenente de Alcalde e concelleiro da área de Asistencia Social, Maximino Alonso Alejandre, Presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Valdeorras, e Felipe Ferreiro, Presidente Provincial de Cruz Vermella.
Cruz Vermella agradece ao Concello de Vilamartín o seu interese, sensibilidade e boa disposición desde o primeiro momento para sumarse a este programa, así como para poñer en marcha outro tipo de iniciativas en materia de atención e auxilio ás persoas máis vulnerables.
A vivenda que o Concello rehabilitou consta de 1 salón, 1 cociña, 3 habitacións, 1 baño. As obras de acondicionamento no exterior consistiron n construción dunha rampla de acceso, a parte das escaleiras que xa existían. No interior habilitouse unha cociña completa, incluídos electrodomésticos, e colocáronse varios mobles obtidos de doazóns así como material aportado por Cruz Vermella.
O obxectivo principal do programa de atención a persoas solicitantes de protección internacional é a acollida e integración das mesmas na nosa sociedade. Cruz Vermella Española conta actualmente con 1.513 prazas de acollida en 39 provincias, o que supón que leva triplicado a súa capacidade nos últimos meses, sendo a porcentaxe de ocupación de máis dun 90%. Agárdase poder ampliar esta rede ata as 1.700 prazas este ano. As nacionalidades máis comúns das persoas atendidas por Cruz Vermella no último semestre son sirias, ucranianas e venezolanas. Un 27% dos atendidos son menores de 18 anos.
En relación ao programa de reubicación e reasentamento de persoas solicitantes de asilo e refuxio desde Grecia, Italia, Líbano e Turquía, Cruz Vermella Española atendeu a 625 persoas, que foron acollidas en diferentes localidades españolas. En total, durante 2016 atendéronse a través dos diferentes programas de inmigración e asilo a 16.000 persoas solicitantes de Asilo e Refuxiados. Cruz Vermella traballa neste ámbito en coordinación co Ministerio de Emprego e Seguridade Social para organizar novas chegadas previstas nos próximos meses procedentes de Turquía, Italia e Grecia.