A Silvestrín de Vilamartín, un paseo solidario para despedir o ano e tomar as uvas ao mediodía

27.12.16.- Un veciño de Vilamartín, apoiado polo concello e varias asociacións,  está organizando unha andaina solidaria para despedir o ano dun xeito diferente e comer as uvas o sábado 31,  ás 12 do mediodía. A actividade recibiu o nome de “a Silvestrín de todos os pobos de Vilamartín” tal e como explica, Carlos Feás, o organizador base, e pretende que sexa “un paseo para todos os que se animen a vir e que de paso, se poden,  traían alimentos para a campaña de recollida que se está facendo no pobo”.

A idea é empezar este paseo no centro do pobo de Vilamartín e que para os anos seguintes “se faga cada ano nun dos pobos deste concello”, explica Carlos Feás. A andaina sairá o sábado sobre as 10 da mañá da Praza do Concello para facer un percorrido en dirección ao Bañadoiro. O experto, Pepe Fernández, será o encargado de facer de guía dos participantes e dar explicacións históricas de lugares como a ponte da Rodeleira e o lugar de avistamento da Garza Real no Bañadoiro.

“O máis importante é que todos os veciños de Vilamartín e de toda a comarca se animen a vir e participar” conta Feás,  co ánimo de implicar a todas as asociacións e veciños de Valdeorras nesta actividade que terá un fin de festa moi especial. Nestes intres están colaborando xa nesta iniciativa: Folión os Viticultores, Asociación de Coveiros de Vilamartín, Asociación de Coveiros de Arcos, Asociación Balcón de Oro, Asociación Vía Nova, Asociación Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras, Grupo de Teatro Xaime Prada, Protección Civil.

Tomar as uvas ás 12 da mañá

O paseo rematará ás 12 da mañá na Praza do Concello para unha vez alí comer as doce uvas, unhas horas antes, e dun xeito moi peculiar, “vai ser un bombazo” adianta Carlos Feás, quen non quixo desvelar máis da sorpresa. Os veciños da comarca que se animen deben levar as súas “uvas, olivas, gominolas, o que queiran” para o momento das badaladas. Recordan tamén que os que só queiran ir a tomar as uvas, sen participar na andaina, poden facelo.

Galego
Zircon - This is a contributing Drupal Theme
Design by WeebPal.